Friday 22 de November de 2024

O Concello de Noia inicia as obras de mellora da accesibilidade á igrexa parroquial de San Martiño de Noia


 

De acordo coas indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, instala unha rampla de acceso desmontable e plenamente reversible, adaptada para persoas con mobilidade reducida pero respectando os materiais e sistemas construtivos da igrexa

O Concello de Noia vén de iniciar as obras de mellora da accesibilidade á igrexa parroquial de San Martiño de Noia, de acordo co proxecto aprobado en novembro de 2018 pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e co informe favorable da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Histórico, Artístico e Documental da Igrexa Católica en Galicia. Unha autorización precisa debido á protección deste templo, declarado Ben de Interese Cultural por ser un dos principais exemplos do estilo gótico mariñeiro en Galicia.

O concelleiro de Obras, Martín Fernández Godón, explica que “o proxecto ten por obxecto dar resposta á necesidade, cada vez máis ineludible, de dotar á igrexa de San Martiño dunha entrada adaptada para persoas con mobilidade reducida”. As obras consisten na instalación dunha rampla de acceso na porta lateral (a da praza da Constitución), xa que este é o acceso máis habitual e a entrada con menos desnivel con respecto á vía pública. Ademais, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural salienta que a escalinata escollida non é orixinaria da igrexa, senón que é froito das sucesivas reformas que sufriu no último século.

Aínda así, a rampla de acceso é desmontable e plenamente reversible, adaptada para persoas con mobilidade reducida pero respectando os materiais e sistemas construtivos actuais da igrexa. Por iso, as pezas autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio son de pedra (granito silvestre de gran fino), apoiadas sobre tacos de neopreno ocultos baixo elas para que as pedras non teñan contacto directo co pavimento existente. A cota entre o pavimento exterior e o da nova plataforma resólvese cunha peza especialmente deseñada para permitir a visibilidade da base das columnas da igrexa, para o cal hoxe retirouse o último chanzo da escalinata instalada a mediados do século pasado.