Friday 22 de November de 2024

Tempos para compartir propón iniciarnos no ioga o primeiro sábado de outubro


 

O ciclo Tempos para compartir reinicia temporada cunha interesante sesión de toma de contacto co ioga e as técnicas de respiración asociadas a esta disciplina, a medio camiño entre o exercicio e meditación. María del Carmen Pedrares explicará a maneira de respirar para sermos conscientes de como nos sentimos e, a través desa escoita interior, poderemos empezar a tomar conciencia das distintas partes do noso corpo, equilibrándoas ademais co a nosa mente e as nosas emocións. Este primeiro Tempos… do outono desenvolverase na Casa da Cultura o sábado 5 de outubro a partir das 17.00h. Hai que apuntarse chamando ao 981 490 027 ext.1.

Quen teña interese non debe deixar para a última a inscrición, xa que só hai dispoñibles 15 prazas que se cubrirán por orde de petición dándolle prioridade a persoas de San Sadurniño. Hai que anotarse antes do 30 de setembro telefonando ao Concello ou mandando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

O ioga é unha práctica de orixe oriental con múltiples doutrinas que perseguen un mesmo obxectivo: chegar coa unión de mente, corpo e alma a un estado de consciencia superior. Dito así -é a definición máis repetida nas buscas que volve internet- pode parecer que o ioga é anicarse no chan coas pernas cruzadas (esa é unha das posturas) e poñerse a meditar. Algo diso hai, pero en realidade o ioga é moito máis e nas culturas occidentais que o adoptaron na segunda metade do século pasado valórase principalmente a maneira en que contribúe á mellora do noso estado xeral.

E é que o ioga é control da respiración, son exercicios que fortalecen músculos e xogas ademais de darlles máis flexibilidade, é tamén introspección na busca de tranquilidade e dun equilibrio interior contraposto ao estrés… é, en definitiva, saúde.

Con Mª del Carmen Pedrares entraremos en contacto con esta experiencia que, ben practicada, promete avances desde o primeiro día. Unha disciplina que engancha e que fai valer aquel fragmento das Sátiras de Juvenal onde o autor romano escribiu “mens sana in corpore sano”, frase usada desde hai anos fóra de contexto. Mente sa nun corpo san que, no caso do ioga, ten tamén sentido ao revés: un corpo san cunha mente sa.

A docente deste primeiro Tempos para compartir da temporada centrará a súa sesión -dunhas dúas horas de duración- en explicar que é o ioga e na aprendizaxe da respiración, principal recurso das 16 variantes que existen desta filosofía. O ioga non é algo novo en San Sadurniño, posto que hai un nutrido grupo de persoas que o practican desde hai anos con Pedrares. No curso 2019/20 que empezou a primeiros de mes a actividade trasladouse á antiga escola de Silvalonga como unha actividade da asociación ConcienciArte.

O Tempos… terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño o sábado 5 de outubro a partir das 17.00h. Repetimos: hai que apuntarse chamando ao 981 490 027 ext.1 ou mandando un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. A data límite é o 30 de setembro e só hai 15 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por orde de solicitude e dándolle prioridade a persoas empadroadas en San Sadurniño.

A través destas vías de contacto tamén podemos postularnos como docentes de calquera actividade que coñezamos ben ou propoñer novos temas para futuros encontros, que se celebran sempre os primeiros sábados de mes e cada vez -se é posible- nunha parroquia distinta.