Saturday 16 de November de 2024

A undécima edición de Poetas Di(n)versos traerá voces da antiga Mesopotamia


A nova entrega do ciclo comezará o 7 de outubro coa marinense Lara Dopazo e a iraquí Manal Al-Sheikn compartindo versos no centro Ágora

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o ciclo Poetas Di(n)versos xunto a Yolanda Castaño, a coordinadora dunha actividade que regresa o 7 de outubro, ás 20.30 horas, ao centro Ágora no que será unha undécima edición en clave feminina e con dúas convidadas da antiga Mesopotamia ao xuntarse, nunha primeira sesión, unha voz do país como a marinense Lara Dopazo e a iraquí Manal Al-Sheikn. A nova entrega traerá o 16 de decembro a poeta Maram Al-Masri desde Siria para casar os seus versos cos do celanovés Baldo Ramos.

En novembro, a cita irase o día 25 ata Romanía con Dan Coman, que compartirá protagonismo co lugués Manuel Darriba. Será, por tanto, unha oportunidade para coñecer en directo a referentes internacionais do xénero e achegarse ás letras dos que as cultivan en Galicia. No escenario, as tres parellas recitarán poemas en galego e nas outras linguas do mundo dun xeito gratuíto e conducidos pola directora da iniciativa, quen destacou que Dan Coman está a piques de publicar o seu primeiro libro en castelán. Castaño cualificou os tres escritores de aquí como “imprescindibles”, cunha Lara Dopazo, que é “a única escritora en galego bolseira pola Academia española en Roma”.

Por outra parte, unha libraría local ofrecerá os títulos das persoas convidadas para que quen así o estime leve asinado o seu exemplar para a casa.

O programa, que leva once anos seguidos comprometéndose coa poesía, conseguiu en 2014 o Premio da Crítica de Galicia á Mellor Iniciativa Cultural. En todo este tempo, pasaron polo Ágora desde candidatos ao Premio Nobel a gañadores do Pultitzer pasando por Premios Nacionais, e é a única iniciativa de carácter estable que unha vez ao mes lles dá espazo a figuras poéticas dos cinco continentes. Nesta edición, o primeiro dúo de poetas introducirá o público en contidos bélicos, no caso de Manal Al-Sheikn, e na soidade, para deixar paso nunha segunda volta, a de novembro, a unha mirada que se alimentará de ironía e perplexidade.

Decembro virá da man de versos exquisitos que camiñarán entre a música e a plástica, nunha posta en escena multidisciplinar que despedirá o trimestre. Yolanda Castaño falou de que con esta nova entrega, Poetas Di(n)versos segue a abrir os oídos a todo o que se está a escribir en linguas masivas e minoritarias, “todas no mesmo nivel sobre as táboas do Ágora”.