O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón; asistiron ao almorzo de traballo organizado por AGALIN, a Asociación Galega de Inmobiliarias. O rexedor sinalou que se está traballando para resolver os problemas derivados dos pisos destinados a aluguer turístico.
O presidente de AGALIN, Carlos Debasa, alertaba que a metade dos pisos dispoñibles para aluguer en Santiago estanse dedicando ao aluguer vacacional ou turístico. Isto provoca, segundo Debasa, un grave problema de oferta de aluguer tradicional e un incremento dos prezos.
Nesta diagnose coincidiu o alcalde, que o cualifica como un “problema grave para a cidade”. Explicou Sánchez Bugallo que, para resolvelo, é preciso un marco normativo, no que xa se está traballando, co obxectivo de ter a finais de ano un borrador de ordenanza reguladora de pisos de aluguer.
O alcalde afirmou que tamén son necesarios medios para garantir que a normativa se cumpre, polo que agarda que que no primeiro semestre do ano que vén poida haber un servizo de inspección contratado a través dunha asistencia técnica externa.