Con cada compra entregarase unha rifa para entrar no sorteo de 10 cheques regalo de 250 euros cada un. A iniciativa súmase á campaña organizada polo Concello para dinamizar o consumo local na época de Nadal
Un ano máis a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) emprende unha campaña de Nadal para dinamizar o consumo nesta época do ano. Con iso tamén se pretende premiar a fidelidade de todas e todos os que escollen Ordes para realizar as súas compras.
Con cada compra realizada nalgún dos establecementos que forman parte da dita asociación farase entrega dunha rifa para entrar no sorteo de 10 cheques regalo de 250 euros cada un. Deste xeito entregaranse un total de 2.500 euros que os afortunados poderán gastar posteriormente nos comercios que forman parte da iniciativa, na que figuran tendas de roupa, complementos, agasallos, comestibles etc.
A campaña rematará o vindeiro 5 de xaneiro e os afortunados daranse a coñecer tras a festividade de Reis. Como é costume o sorteo farase en rigoroso directo no programa ‘As mañanciñas de Radio Ordes’, na emisora municipal.
Esta iniciativa súmase á emprendida polo Concello de Ordes, a cal consiste na promoción do consumo local con carteis, promoción radiofónica e a emisión de vídeos baixo o lema ‘Merca en Ordes. Ti dáslle vida”.