A rexedora acudiu esta mañá á presentación do libro “Padre Rubinos 2008-2019: la transformación de un referente social”, do xornalista Fernando Molezún
A alcaldesa, Inés Rey, asegurou esta mañá que a asesoría xurídica do Concello xa está a estudar o expediente do pago de
700.000 euros reclamados pola Xunta en concepto de cofinanciamento das escolas
infantis, e apelou ao diálogo e á colaboración “como mellor modo de solventar os problemas entre as administracións públicas”.
A rexedora emprazou ao Goberno autonómico a manter un “diálogo fluído”, e asegurou que “as liñas de comunicación co Concello coruñés sempre están abertas, por iso non creo que un debate radiofónico sexa a mellor maneira de solucionar este tipo de cuestións co Goberno municipal”.
Neste senso, destacou que a Xunta tamén ten pendentes algunhas prestacións co Goberno local como o cumprimento do convenio do Consorcio da Música que “en ningún momento se lle reclamou a través dun debate radiofónico o nun titular de prensa”.
Por outra banda, cualificou de “positivo” o balance dos seus primeiros cen días ao fronte do Goberno local en María Pita, e destacou “a recuperación do diálogo con
outras administracións e o impulso á xestión administrativa diaria como algunha das
actuacións máis importantes”.
Valorou “de boa” a acción do goberno, “os concelleiros xa traballan en proxectos concretos para recuperar o liderado urbano que A Coruña merécese” e non quixo entrar a valorar as críticas da oposición. “A acollida do goberno foi boa e cen días son poucos para que se visibilicen os proxectos, unha vez que a cidade nos últimos anos estivo paralizada”, subliñou.
Padre Rubinos
A alcaldesa, Inés Rey, acudiu esta máná á presentación na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos do libro “Padre Rubinos 2008-2019: la transformación de un referente social”, do xornalista Fernando Molezún, que pon en palabras o último decenio da entidade.
“Dicir Padre Rubinos nesta cidade non necesita acompañamento algún porque a institución está no maxín das e dos coruñeses con 100 anos de labor social de fondo e unha traxectoria que medra”, resaltou na presentación a alcaldesa que garantizou o respaldo do Concello á entidade.
Durante a súa intervención destacou “os difíciles momentos que a entidade soubo supera para coller folgos e atender a máis poboación”. Y felicitou a Fernando Molezún por un libro “tan necesario como o traballo que se fai desde aquí”.
Resaltou a importancia de “dar a coñecer o traballo que realiza o persoal de portas para adentro co fin de gañar máis apoios. Un pilar fundamental foi Amancio Ortega que, como o escritor, conta chegou no momento oportuno”.
Hoxe a entidade, sinalou a rexedora, “é acubillo para novos públicos, pobres que como di Molezún e o presidente de Padre Rubinos, Eduardo Aceña tamén, nunca o
foron, veciñanza que tivo que acudir ao comedor, no caso do albergue, porque non
lle quedou outra”.
Noutro lado, dixo, están a cativada, “nenas e nenos que contan cunha infraestrutura de luxo para empezar a aprender e alimentar a súa imaxinación”. Proba de que o conxunto funciona está nas listas de espera, dixo.
Por iso, “o libro é tan necesario para que se saiba e a sociedade tome conciencia dos índices de pobreza, da eliminación da clase media que agora é baixa e está en risco”, resaltou nas súas palabras.