A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira Yoya Neira visitaron as instalacións da sede no Barrio das Flores
A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, visitaron esta mañá as instalacións da Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña (ABAC), onde a presidenta e a directora do colectivo, Asunción del Valle e Fátima Pérez, lles deron a coñecer o labor que realizan diariamente coas 85 persoas que o conforman.
Rey comprometeuse a colaborar no aumento de campañas de sensibilización e para mellorar os servizos que dispensan desde a sede da rúa Petunias e que non se quedan nunha intervención e comedor terapéuticos, senón que tocan todo o referente á prevención e ao asesoramento sobre a nutrición ás e aos usuarios, un apartado que reforzan cun soporte psicolóxico desde ABAC.
A alcaldesa e a edila valoraron as distintas actividades que ofrece a asociación para completar a terapia e que van desde clases de ioga a obradoiros de expresión corporal e de habilidades sociais, xunto a unha área de coñecemento, no que o cadro de persoal non só participa en parladoiros e congresos. Tamén asinan convenios para que os futuros profesionais se formen e facilitarlles así o acceso ao mercado laboral ás universitarias e aos universitarios que se queiran especializar nestas enfermidades desde as distintas disciplinas que as tratan.