Saturday 23 de November de 2024

Medio Ambiente subliña o fito histórico que supón ter adxudicado xa o 68% do solo empresarial de Morás e anuncia o remate da urbanización da primeira fase do parque para este ano


Durante unha visita ás obras do polígono industrial, Ángeles Vázquez avanza que as primeiras empresas estarán en disposición de empezar a traballar o ano que vén
Un total de 650.000 metros cadrados dos 950.000 proxectados no parque empresarial de Morás, en Arteixo, xa teñen dono. Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao polígono coruñés durante a que cualificou de “fito histórico” o feito de que o 68,5% da superficie proxectada en Morás estea adxudicada, antes incluso de que se teñan completado as obras da primeira das catro fases previstas neste ámbito.

O bo ritmo nas adxudicacións do solo dispoñible, en opinión da conselleira, demostran que a aposta do Goberno galego por dotar á cidade da Coruña e á súa área de influencia de máis superficie industrial en Morás foi “un acerto absoluto”. E para responder a ese interese amosado polo tecido empresarial, avanzou que antes de que finalice o ano as obras de urbanización da primeira fase do polígono estarán rematadas.

Precisamente, a titular galega de Medio Ambiente tivo ocasión de coñecer de primeira man o estado dos traballos que se están a acometer no parque de Morás. Ademais da urbanización da primeira fase e do compromiso de urbanizar tamén a segunda, a Xunta xa ten en marcha todas as obras que darán servizo á totalidade do ámbito do parque empresarial, desde os viarios de conexión tanto interiores como exteriores, pasando pola subestación eléctrica, xa rematada, ou as explanacións dos terreos das fases aínda pendentes. O obxectivo é que todas estas actuacións estean rematadas en 2019.

Neste sentido, a conselleira garantiu que o Goberno galego quere deixar todo listo e preparado para que as empresas adxudicatarias que así o desexen, poidan empezar a traballar en Morás o ano que vén.

Investimento comprometido
En total, o investimento realizado pola Xunta ata o momento en Morás ascende a 73 millóns de euros, é dicir, máis do 70% dos 101 millóns comprometidos para completar o desenvolvemento das catro fases en que se divide este parque empresarial. Así mesmo e co fin de adxudicar o solo que continúa dispoñible na primeira fase do polígono –uns 135.000 metros cadrados- a Consellería de Medio Ambiente ten previsto convocar este mesmo ano un concurso de venda de parcelas para, unha vez esgotada esta superficie e en función da demanda que siga existindo, analizar a execución das fases tres e catro.
Polo que respecta á segunda fase de Morás, Ángeles Vázquez lembrou que os seus 466.137 metros cadrados xa están totalmente comprometidos con Estrella Galicia, empresa coa que vén de asinarse o acordo de compravenda despois de que no mes de maio o presidente da Xunta anunciara que se acababa de pechar a maior venta histórica de solo industrial da comunidade.

Estrella Galicia, precisamente, será unha das empresas que se beneficien das bonificacións para a adquisición de solo empresarial que aplica o Goberno galego con éxito desde o ano 2015. Así, a conselleira de Medio Ambiente lembrou que desde entón e co obxectivo de favorecer o asentamento de novas iniciativas empresariais na comunidade así como o crecemento e a expansión das xa existentes, o seu departamento adxudicou máis de dous millóns de metros cadrados de solo tanto en réxime de compra-venta a prezo bonificado como en dereito de superficie, unha modalidade que permite ás empresas acceder a parcelas a cambio do pago anual dun canon moi reducido.

Así mesmo, Ángeles Vázquez subliñou que, ademais de seguir apostando polas bonificacións, a estratexia da Xunta para atraer e dinamizar a actividade empresarial en Galicia pasa por analizar a situación actual do mercado e das necesidades de solo existentes. Para iso, lembrou que se traballa na posta en marcha dun Observatorio do solo empresarial, un organismo que concentrará a información e o asesoramento para definir as futuras liñas de actuación da Xunta nesta materia e elaborará un censo de solo.