Friday 22 de November de 2024

Últimos dous venres de actividade nocturna en San Sadurniño


O programa Venres en Sansa! propón para o desta semana unha ruta BTT nocturna, graffiti, danza fitness e observación astronómica

Os Venres en Sansa! é un programa de lecer alternativo para a mocidade de entre 12 e 35 anos. Durante varios seráns e noites concéntranse numerosas actividades relacionadas co exercicio físico, a tecnoloxía, as artes, o coñecemento e a cultura. Tralas dúas xornadas de comezos do verán, o Concello oferta outras dúas cadrando co comezo do outono, unha este venres 27 e outra, a última deste ano, o venres 4 de outubro. Hai que inscribirse deixando no rexistro municipal ou na biblioteca a correspondente ficha, que se pode descargar desde aquí. Cómpre ter en conta que o prazo para apuntarse en cada un destes venres remata o mércores anterior, polo que para o desta semana xa só nos quedan tres días. Teremos graffiti, danza fitness, astronomía e unha BTT nocturna con ata 100 participantes.

A ruta en bici de montaña fará un percorrido circular con saída e chegada no CPI de San Sadurniño. Serán 20 quilómetros en total de dificultade baixa para os que se require un nivel técnico medio. Ademais da bicicleta todoterreo será obrigatorio o uso do casco e tamén de luz frontal. Desde Biela e Chaveta -entidade que se encarga da loxística- indícase que non se trata dunha proba competitiva, senón máis ben dun itinerario para compartir emocións. Por este motivo -e tamén por cuestión de seguridade- todo o percorrido estará neutralizado co obxectivo de que o grupo non se divida.

A saída está posta para as 21.00h. do centro de ensino. Desde alí baixarase até a zona da Portela e, preto da EDAR, pillaranse pistas forestais para subir ata a Casanova, en Doso. Nese punto empezarase a baixar con destino a Pedroso seguindo igualmente carreiros e pistas acondicionados recentemente para a BTT Cidade de Narón. Logo iniciarase o retorno a San Sadurniño, andarase todo o paseo fluvial e os xardíns municipais e rematarase de novo no CPI sobre as 23.00h.

A BTT nocturna é só unha das catro propostas que hai para este venres 27. As outras tres non se moverán de San Sadurniño. A primeira delas -a que antes empeza- é un obradoiro de Graffiti na Casa da Xuventude para o que se ofertan 10 prazas, que se desenvolverá entre as 19.30 e as 21.30h.

Seguindo a programación horaria temos das 20 ás 21.00h. unha sesión de Danza fitness na Casa da Cultura con 20 prazas dispoñibles, que terá como monitora á experta en danzas urbanas Melissa López. Tan pronto como finalice esta actividade, ás 21.00h., comezará un obradoiro de dúas horas de duración centrado na observación astronómica. O punto de encontro é diante da Casa do Concello. O grupo -dun máximo de 20 persoas- trasladarase desde alí a un lugar que ofreza condicións aceptables para ver o firmamento sempre que a noite estea despexada ou con pouca nube. Hai dous anos xa se organizara unha experiencia semellante que se levou a cabo no arboreto da Cortiña apagando parte do alumeado público do centro urbano.

Para participar en calquera destas catro actividades hai que entregar no rexistro municipal ou na biblioteca a ficha de inscrición. Para o Venres en Sansa! deste 27 de setembro o último día é o mércores 25. Para o seguinte venres, o do 4 de outubro, o prazo de inscrición péchase o día 2 e para daquela tamén se poderá deixar a ficha na Casa da Cultura.

Nese último Venres en Sansa! a oferta compóñena un obradoiro de baile contemporáneo, outro de hip-hop, unha sesión de introdución á impresión 3D e unhas pachangas de pimpón para as que só fai falla que cadaquén traia a súa pa.

O programa Venres en Sansa! está organizado pola área de Mocidade en colaboración coa Asociación Cultural Brío, co Club Biela e Chaveta e o CPI de San Sadurniño.