Destínanse 359.000 euros ao ano a financiar esta medida
A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe que se lle veñen de adxudicar a Aspronaga 15 novas prazas públicas residenciais de atención á discapacidade, por un investimento total de 359.000 euros ao ano. Con estas prazas poderá poñerse en marcha a nova residencia da entidade no seu complexo de Lamastelle, en Oleiros. A conselleira avanzou isto na celebración do oitavo encontro de familias organizado por Aspronaga, ao que asistiron arredor de 600 persoas.
Con este novo incremento, a Xunta ampliará ata as 282 as prazas públicas que oferta nos diferentes servizos que xestiona Aspronaga no municipio coruñés de Oleiros. A día de hoxe, o Executivo autonómico destina 3,3 millóns de euros ao financiamento do 75% de todas as prazas que esta asociación ten en funcionamento nos seus centros de día, ocupacional, residencias e vivendas tuteladas.
Fabiola García referiuse a Aspronaga como organización de referencia na comunidade na defensa dos dereitos e do benestar das persoas con discapacidade e das súas familias, polo que garantiu o apoio do Goberno galego a “unha entidade á que queren os galegos e á que quere a Xunta de Galicia”.
A Xunta aposta por intensificar a colaboración entre administracións e co movemento asociativo para avanzar cara ao obxectivo compartido da plena inclusión de todas as persoas. O Goberno galego destina este ano 106 millóns de euros á atención á discapacidade, un 60% máis que en 2009; e a oferta de prazas públicas aumentou en máis dun millar neste mesmo período de tempo situándose hoxe por riba das 5.400.