O programa, impulsado pola Fundación MAPFRE, levarase a cabo en diferentes localizacións da cidade do 21 ao 29 de setembro
Esta mañá presentouse no Pazo de María Pita a campaña SOS Respira, un programa impulsado pola Fundación MAPFRE e en que colaboran a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES), a Federación de Cociñeiros e Reposteiros de España (FACYRE), Protección Civil da Coruña e o Concello da Coruña, e que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar a poboación sobre a importancia de saber como actuar en caso de que unha persoa sufra un atragoamento.
Á presentación asistiron a alcaldesa, Inés Rey, o coordinador de Seguridade Cidadá do Concello, Carlos Touriñán, o director de Promoción da Saúde da Fundación MAPFRE, Antonio Guzmán, o vicepresidente de SEMES Galicia, José Manuel Fandiño, e a cociñeira Lucía Freitas.
A rexedora quixo destacar que en España “cada ano morren máis persoas por atragoamentos que en accidentes de tráfico” e deu detalles das actividades que se desenvolverán na cidade entre o 21 e o 29 de setembro: “serán accións en espazos públicos dirixidas á poboación en xeral e accións formativas orientadas á formación de profesionais da hostalería, centros de maiores ou centros educativos”.
Antonio Guzmán detallou que, segundo datos do Instituto Nacional de Estatístitca “Cada ano morren unas 2.200 persoas por esta causa. Moitos destes falecementos poderíanse evitar aplicando a manobra de Heimlich, que está ao alcance de todos e
todas”. Este foi o motivo que lle levou a Fundación MAPFRE a pór en marcha esta
campaña SOS Respira, que arrincou en 2016 moi enfocada ao mundo da hostalaría.
José Manuel Fandiño, vicepresidente de SEMES Galicia e coordinador de Urxencias do CHUAC, explicou que “a maioría de mortes por atragoamentos ocorren no ámbito familiar, na rúa ou nun restaurante…. Non é habitual que ocorra nin en hospitais nin en centros de saúde”. Fandiño recalcou que “é moi importante previr e aprender a facer as manobras, xa que con isto xa seriamos capaces de salvar vidas”.
Lucía Freitas, cociñeira fundadora do restaurante A Tafona (Santiago de Compostela), defendeu a importancia da formación: “é básico para que todo o mundo saia dos restaurantes máis que encantado” e fixo un chamamento ás e aos propietarios de restaurantes para que se animen a daren esta pequena formación que “permite salvar vidas”.
As accións enmarcadas no programa que se farán en espazos públicos desenvolveranse de acordo co seguinte calendario:
• sábado 21, na praza do Humor
• domingo 22, na praza de Vigo
• sábado 28, na praza de Lugo
• domingo 29, na glorieta das Escravas.
Nestas localizacións, instalarase unha carpa desde as 10 da mañá ata as 8 da tarde, en que os formadores explicarán e informarán a todas as persoas interesadas sobre como debe realizarse a manobra en caso de sufrir un atragoamento e cal é o protocolo que se debe seguir nestes casos para auxiliar a persoa que o estea sufrindo.
Pola súa banda, do 23 ao 27 de setembro, as persoas formadoras realizarán accións formativas nos centros de hostalería, restaurantes ou centros públicos dependentes do concello.