Os que queiran acudir na quenda que vai de febreiro a agosto deberán inscribirse ata o 16 de xaneiro, mentres que os que opten por viaxar entre setembro e decembro deberán facelo ata o 18 de maio
O departamento de Servizos Sociais do Concello de Ordes acaba de iniciar o proceso de inscrición para aquelas persoas maiores que queiran participar no programa de termalismo. Para as quendas dos meses de febreiro ata agosto deberán entregar toda a documentación ata o 16 de xaneiro como data límite. Por outra banda para os que prefiran viaxar nos meses que van de setembro a decembro deberán facelo ata o 18 de maio.
Entre os requisitos indispensables para poder obter algunha das prazas ofertadas están os de ser pensionista por xubilación, invalidez ou viuvez, así como por outros conceptos sempre e cando o beneficiario teña cumpridos os 60 anos. Tamén poderán solicitalo os españois residentes no exterior, sempre que perciban unha pensión pública e cumpran co resto dos requisitos. Ademais é imprescindible valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria, non padecer alteracións do comportamento que impidan a convivencia nin enfermidade infecto-contaxiosa, así como precisar os tratamentos termais solicitados e carecer de contraindicación médica.
Este ano poderase solicitar praza nos balnearios situados en Santiago de Compostela, Carballo, Guitiriz, Lugo, Palas de Rei, Pantón, Arnoia, Baños de Molgas, Carballiño, Laias, Lobios, Caldas de Reis, Caldelas de Tui, Termas de Cuntis, A Toxa e Baños da Brea.
Para formalizar as peticións é necesario facer entrega da solicitude debidamente cuberta, achegándose unha fotocopia do DNI e a declaración responsable do estado de saúde. Para aquelas persoas que xa participaran no proceso o pasado ano o Imserso remitiralles por correo un modelo simplificado para a renovación das súas solicitudes.