Asegura que o anterior executivo utilizou un programa de reforzo educativo nos centros públicos de ensino e centros cívicos para dar unha cobertura a este menor que non asumiu o ente competente
A Concellería de Educación esixe á Xunta de Galicia que ofreza de maneira inmediata o apoio solicitado polo CEIP Ramón da Sagra a un escolar con autismo para o comedor escolar. O concelleiro de Eduación, Jesús Javier Celemín, púxose en contacto co centro escolar para coñecer as necesidades especiais do menor que cursa no mencionado centro. Asegura que non se lle retirou ningún apoio no servizo de comedor posto que a competencia é exclusivamente autonómica.
Por outra banda, o concelleiro falou coa nai do alumno para explicarlle que o Concello non é competente para contratar un servizo de coidador no comedor do centro educativo.
Asegura que o anterior executivo utilizou un programa de reforzo educativo nos centros públicos de ensino e centros cívicos para dar unha cobertura a este menor que non asumiu o ente competente. Este programa nin sequera deixouse contratado para este curso e, aínda que fose contratado, os propios técnicos municipais aseguran que non se pode derivar para contratar persoal de apoio nos centros escolares debido a que estaría “a esquivar” a lexislación educativa vixente nesta comunidade.
O programa, tal e como estaba contratado, refírese exclusivamente a combater o fracaso escolar, pero de ningún xeito a atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Celemín lembra que Lei Orgánica de Educación establece claramente de quen é competencia este apoio educativo, polo que esixe á
Xunta que cumpra coas súas obrigacións e atenda de forma urxente ás necesidades educativas deste alumno.