O edil de Economía e Facenda, José Manuel Lage, anuncia que a intención do Goberno local é levar o modificativo ao pleno extraordinario que se celebrará a finais deste mes
O portavoz do Goberno Local e concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Lage, anunciou hoxe a intención do executivo de levar un modificativo de crédito de 2.997.473, 27 euros ao próximo pleno extraordinario que se celebrará a finais deste mes e no que confía contar co respaldo de todos os grupos políticos, aínda que non descarta introducir cambios e axustes que presenten o resto de forzas da Corporación. A prioridade do Goberno local, indicou, é a de levar a cabo políticas sociais e reactivar a economía local.
O portavoz asegurou que este é o último cambio nas contas que o Goberno local podería asumir este ano, en especial “porque teriamos dificultades obvias de execución” e lembrou que traballan cun orzamento prorrogado do ano 2018 e que “é necesario facer axustes”.
Coa proposta que o Goberno local leva hoxe á Xunta de Goberno extraordinaria “damos cumprimento aos compromisos que estableceu o goberno ao principio do mandato e tamén aos acordos acadados cos diferentes grupos municipais co obxectivo de facer fronte ás dificultades de contar cun orzamento prorrogado”, dixo.
É evidente, resaltou, o concelleiro, que onde non hai suficiente crédito, hai que buscar recursos necesarios para que este ano póidanse executar partidas
imprescindibles, en especial, “as que ten que ver coas políticas sociais e de
benestar”.
Este modificativo, explicou o portavoz, permitirá facer fronte ao pago das rendas sociais e as de emerxencia sociais no conxunto do exercicio 2019 e incorporar novas actuacións.
Anunciou un incremento de 417.000 euros destinados a rendas sociais. Este suplemento servirá, dixo, para sufragar mensualidades que non estaban cubertas polo orzamento previsto. Trátase dun total de 243 rendas avaliadas e concedidas e que na actualidade xa se están sufragando. A cantidade fixada, tal e como explicou o portavoz municipal, obtense de sumar as mensualidades pendentes de pago de rendas xa concedidas e das rendas que desde xullo están pendentes de prorrogar.
A outra partida de 240.000 destinarase a emerxencia social. Durante este ano concedéronse 1.442 axudas de emerxencia social e está previsto que ao longo do setembro páguense un total de 554 novas solicitudes. É dicir, este ano atenderanse un total de case 2.000 solicitudes de emerxencia social.
Outras das partidas máis significativas é a de 1.661.350 euros que se destina a actuacións relacionadas coas estacións e bicicletas de BiciCoruña. Trátase, explicou o portavoz, dun crédito extraordinario, para poder levar a cabo as actuacións previstas que inclúe un proxecto dos orzamentos participativos e do Eidus, que estaban recollidas no capítulo 7 do orzamento.
En concreto refírese ás novas estacións de BiciCoruña dos Mallos, Elviña, Parque de Eirís, Ventorrillo, e nos polígonos de Pocomaco e A Grela, Expocoruña, Universidade e Marineda entre outras.
Máis dun millón de euros destinarase ás subministracións e instalacións de lectores, módulos, estacións e novas bicicletas a través do programa EIDUS e a instalación de estación en Catro Camiños.
Por outra banda, o edil de Economía indicou que o documento recolle outras partidas que non tiñan previsión orzamentaria, pero que deben de ser atendidas porque son “actividades recorrentes ou de interese estratéxico para a nosa cidade”.
Entre outras, inclúese unha partida de 80.000 euros para o convenio con Amigos da Ópera para financiar a tempada lírica de 2019 que corresponde ao departamento de Cultura. No apartado de Deportes incorpóranse dous suplementos de crédito; un de
30.000, para o desenvolvemento da carreira Enki 2019, a través dun convenio coa Fundación Abrente; e outro de 60.000 euros destinados a incrementar a convocatoria pública de subvencións para entidades sen ánimo de lucro.
Tamén anunciou un investimento de preto de 400.000 euros que irán parar ao ámbito da mobilidade .A maior parte destínanse á mellora, mantemento e funcionamento das instalacións da rede semafórica. Outros fondos utilizaranse na mellora de elementos de sinalización, gastos en comunicacións, resolución de alegacións e outras actividades de carácter máis ordinarios.
Por outra banda, froito dos ingresos por contribucións especiais, destínase unha partida pequena de 8.000 euros para proxectos de mellora do parque de Bombeiros. No eido do Medio Ambiente, destínase unha partida de 50.000 euros para afrontar a certificación final da obra de acondicionamento na vertedoiro de Béns que incluíu unha planta de residuos (livixiados) e mellora das infraestruturas.
En canto a equipamentos deportivos sufragaranse obras de reforma nos vestiarios dos campos de fútbol da Grela e nos campos de Visma. “Actuacións pequenas que quedaron pendentes e que hai que resolver”, sinalou José Manuel Lage.
O portavoz do Goberno local insistiu en que” todo este volume de actuacións
supoñen dar baixas no orzamento por valor de 2.600.271 euros e utilizar case
400.000 euros do remanente líquido líquido de tesourería”.