As tarefas de limpeza continuarán ao longo do ano polas distintas rúas da vila, comezando polo casco histórico
O Concello de Noia está a rematar hoxe as tarefas de limpeza a fondo da Alameda noiesa, realizadas cun vehículo especial de auga a presión. Uns traballos realizados esta semana aproveitando a ausencia de actividades programadas neste espazo e que estarán rematadas xusto antes da Marcha contra o Cancro deste sábado.
O concelleiro de Limpeza Viaria, Martín Fernández Godón, explica que “fíxose unha limpeza en profundidade como hai moitos anos que non se facía, o que fixo que nestes días se retirara unha gran cantidade de lixo da zona” ao tempo que anuncia que “unha vez rematadas na alameda, continuaremos por outras rúas da vila, comezando polo casco histórico”. Esta limpeza con auga a alta presión e desinfectante permite eliminar non so a terra que se acumula durante anos nas xuntas entre as plaquetas cerámicas como as da alameda noiesa, senón tamén retirar as graxas, aceites e resinas presentes na zona, eliminando os xérmenes.
Sobre a alameda, Fernández Godón apunta que “queda unha segunda fase, que será a retirada dos chicles pegados nas plaquetas, aos que lles aplicaremos un produto especial para evitar danar o chan”. Neste sentido, indica que “se durante estes días os veciños e veciñas viron que había terra sobre as plaquetas da alameda é porque todo ese lixo estaba entre as xuntas das plaquetas cerámicas e non se retirou de inmediato porque, ao estar mollado, podería danar o chan. O máis aconsellable nestes casos é agardar un tempo a que seque e despois retiralo sen dano ningún, que é o que se fixo en Noia”.