As actuacións terán lugar do 20 ao 22 de setembro. A entrada é libre e de balde
19 de setembro de 2018.- O VI Festival Monecadas, posto en marcha por Titeriteiros da Comarca e o Concello de Brión, volve un ano máis á Carballeira de Santa Minia, fiel á súa cita a semana anterior á Santa Minia. Nesta ocasión serán catro funcións e un obradoiros de monicreques que terán lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na carballeira de Santa Minia. En caso de choiva, as actuacións trasladaríanse á sala municipal de exposicións. En ambos casos, a entrada será libre e de balde.
Este ano, o festival contará con grupos de Galicia, Portugal, Italia e Francia, buscando ofrecerlles novas propostas culturais aos centos de nenos/as e maiores que participan nas actuacións. De feito, cada actuación adoita superar amplamente as cen persoas, chegándose a superar as duascentas en ocasións especiais coma o domingo, cando coincida coa Feira Labrega.
A programación iniciarase mañá venres 20 de setembro, ás 19:30 horas, co “Circo de marionetas” da compañía portuguesa Marionetas da Feira, no que o público verá como simples obxectos cotiás rematan convertidos nun circo. Para o sábado 21 de setembro está programada unha sesión dobre. Ás 13:00 horas “El barrendero”, de Mad Compass Theatre. E ás 13:45 horas “Limpiabotas”, de Nino & Mambrú, unha divertida actuación de 30 minutos, coa técnica de media máscara, sobre distintas técnica de limpeza do calzado.
Finalmente, e coincidindo coa II Feira Labrega de Brión, o domingo 22 de setembro terá lugar ás 12:00 horas un obradoiro de monicreques da man de A Xanela do Maxín. Ás 13:00 horas, Raquel Queizás pechará o VI Festival Monecadas de Brión con “Travesías”, un espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques dirixido a nenos e nenas a partir de 30 anos.