Saturday 16 de November de 2024

A AELG cobre en tan só 3 días as prazas para o curso de narrativa que ofrecerá en San Sadurniño


O curso, encadrado na Escola de Escritoræs da asociación, comezará o 28 de setembro e finalizará o 23 de novembro

 

A AELG ten en marcha desde hai varios anos a súa Escola de Escritoræs, unha iniciativa que está levando por Galicia adiante as técnicas básicas da escrita literaria. Desde finais deste mes de setembro e ata case o remate de novembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ofrecerá en San Sadurniño un minicurso para adentrarnos na creación narrativa. Da acción formativa encargarase o escritor ferrolán Henrique Dacosta, distinguido en tres ocasións co Carvalho Calero e, en 2018, tamén co Manuel Lueiro Rey. A actividade cubriu en tan só tres días as 20 prazas que se ofertaban. Porén, a Axencia de Lectura de San Sadurniño ten aberta unha lista de agarda por se houbese baixas de última hora. Segue anotando inscricións no 652 814 144 ou no correo anagavinmerlan@gmail.com.

Dacosta (Ferrol, 1964) é profesor de Lingua Galega e foi técnico de normalización no Concello de Fene. Ganou o Carvalho Calero tres veces e neste momento é colaborador habitual no suplemento Nordesía que se publica no Diario de Ferrol. Desde 1992, cando viu a luz en Laiovento “Mar para todo o sempre”, o escritor publicou oito libros, ademais de participar en cinco obras colectivas.

Títulos seus destacados son, precisamente, a novela “Mar para todo o sempre”, a colección de relatos “Sobre compoios, janelas e outras pequenas histórias” e “Unha mada de doce relatos”, que lle valeron o Premio de creación literaria Carvalho Calero en 1991, 1993 e 2007, respectivamente. Nesa relación de obras premiadas cómpre mencionar tamén “Illas de sotavento” -editado por Xerais-, pola que levou o ano pasado o Manuel Lueiro Rey convocado polo Concello do Grove.

En definitiva, Henrique Dacosta ten o perfil acaído para dirixir unha serie de obradoiros que a Asociación de Escritoras e Escritores en lingua Galega deu en chamar “A vida: unha narrativa”. Con axuda do escritor iremos vendo todos os pasos que se han de dar para escribir dentro deste xénero, para o que fai falla inspiración, si, pero tamén certa técnica que nos leve a estruturar as ideas de maneira equilibrada, limpas de palla e cun estilo propio que consiga manter de principio a fin a atención de quen estea lendo.

Henrique Dacosta levará o peso dun curso que comezará o 28 de setembro e que contará con outras sete sesións, todas elas os sábados de 11 a 13.30h. na Casa da Xuventude. Os días elixidos -ademais do 28- son o 5, 19 e 26 de outubro e os días 2, 9, 16 e 23 de novembro. Nunha desas xornadas -a data aínda está por concretar- haberá unha clase maxistral de Eva Loureiro Vilarelhe, quen falará sobre o seu propio proceso creativo.

A proposta forma parte da Escola de Escritoræs da AELG, quen nos convida a participarmos nela comparando a narrativa cunha sorte de “navegación a través dun mar de letras”. A asociación anima a enrolarse na aventura de “construír mundos modelados ao noso antollo” partindo para iso da fantasía e a imaxinación. “Conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazónciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo… Porque, o que non tén dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato”, asegura a entidade no cartel anunciador.

“A vida: unha narrativa” conta co patrocinio da Xunta e da Deputación da Coruña. Só se ofertaron 20 prazas para persoas maiores de 15 anos que tardaron escasos tres días en completarse trala publicación da convocatoria nas redes sociais. Por esta razón, a Axencia de Lectura de San Sadurniño decidiu abrir unha lista de agarda na que seguir anotando solicitudes por se houbese algunha baixa antes do comezo do curso. Para apuntarse nela hai que chamar ao 652 814 144 ou mandar un correo electrónico a anagavinmerlan@gmail.com.