Monday 25 de November de 2024

A piques de adxudicarse as obras de rehabilitación da estrada Ordes-Cerceda ao seu paso polo Mesón do Vento


 

O importe total do proxecto ascende a algo máis de 117.000 euros

O Concello de Ordes amosa a súa satisfacción polo anuncio de licitación e próxima adxudicación que figura na plataforma de contratación do Estado en canto á obra de rehabilitación estrutural e superficial do firme nun tramo da estrada Ordes-Cerceda (DP 2405), por parte da Deputación da Coruña. Concretamente o dito tramo sitúase no Mesón do Vento e vai dende a rotonda situada na N-550 (Ordes-A Coruña) e as inmediacións do restaurante Avelino en dirección á Brea (P.Q. 6+000 e 6+600, Ordes). O importe total do proxecto ascende a 117.105,28 euros.

As obras especificadas no proxecto, incluído no Plan de Conservación de Vías Provinciais 2019, recollen a demolición de firme nunha superficie de 1440 metros cadrados; fresado e reposición de firme nas zonas deterioradas; escavacións para saneo (1,05 m de profundidade); recheo con balastro e con material seleccionado e correctamente compactado; aumento de nivel dos sumidoiros para adaptalos ao novo pavimento, substitución de tubaxes de PVC de pluviais en mal estado; ademais da renovación da sinalización vertical e horizontal.

Anteriormente o Concello de Ordes xa comunicara formalmente en varias ocasións a necesidade imperiosa de levar a cabo esta obra coa maior rapidez posible, debido ás deficientes condicións que presentaba e que incidían na falta de seguridade para o tránsito de vehículos e peóns. “Que as obras estean a punto de adxudicarse por parte da Deputación da Coruña alégranos, a pesar de ter que esperar mais dun ano sobre o prazo inicialmente contemplado; agardando que unha vez adxudicadas se executen coa maior dilixencia posible”, indica o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.