Avanzan a bo ritmo as obras da terceira fase de consolidación da fortaleza
O bo tempo está sendo un fantástico aliado no avance das obras que se desenvolven no castelo de Naraío. Hai algo máis dunha semana que comezaron os traballos e a bonanza atmosférica propiciou que a roza da maleza estea case completada. Esta non é a parte máis complexa do proxecto, pero si unha das máis laboriosas e importantes, xa que antes de intervir na torre e nos accesos é necesario deixalo todo tal e como quedou ao remate da anterior fase, é dicir, libre de silvas e toxos. Nos próximos días comezará a preparación dos carreiros e a construción da estada que permitirá subir ao punto máis alto do torreón.
O choio feito ata o momento é coma un “peeling” que deixou á vista de novo todo o que cubrira a vexetación nos últimos anos. Trala última intervención, finalizada en 2011, o Concello acometeu cos recursos dispoñibles limpezas puntuais máis centradas nos camiños de acceso que nos espazos de dentro e fóra de muros.
Hoxe, despois de varias xornadas aplicando a fondo a rozadora, a maior parte deses espazos están totalmente despexados, aínda que falta por facer traballo na pendente sur -a que dá á canle da central hidroeléctrica-, e tamén entre as pedras dos paramentos onde naceron arbustos ventureiros.
Con este aspecto, o castelo convida outra vez a ser visitado. Algo que está prohibido mentres non finalicen unhas obras que deparan para as próximas semanas as actuacións máis reseñables e tamén algún desafío loxístico para a empresa adxudicataria.
Un deles será o de subir á fortaleza unha pequena escavadora que faga máis doado o movemento de terra e outros materiais. O castelo está no curuto dun rochedo cun forte desnivel e rodeado dun ribazo no que non existe ningún punto polo que a máquina poida empezar a agatuñar. Este obstáculo salvarase traendo un grande guindastre autopropulsado que se encargará de pousar a pa mecánica nun lugar onde xa se poida defender soa.
A máquina empregarase principalmente para a preparación dos sendeiros, que se superporán en boa parte sobre o que se cre que era o acceso principal para logo continuar por un itinerario circular por todas as partes da edificación que se conservan ou que aínda se intúen ocultas debaixo da terra. En calquera caso, todo que se vaia facendo, especialmente o que supoña escavar ou mover elementos, irá acompañado obrigatoriamente de supervisión arqueolóxica.
Alén de definir os camiños de acceso e interiores, o proxecto tamén recolle a instalación de varandas de seguridade, o forrado con madeira do andamio de entrada ao torreón e, a principal novidade, a instalación dunha escaleira para subir polo seu interior ao tope do castelo, onde haberá unha pasarela desde a que observar -igual que os antigos moradores- case todo o val de Naraío.
Nesta nova fase de consolidación da fortaleza -a terceira que se acomete- investiranse 169.871,90€, financiados nun 80% pola Deputación da Coruña. O outro 20% pono o Concello, que tamén conta con apoio da Consellería de Cultura asumindo os custes de redacción do proxecto. Das obras encárgase a empresa Desarrolla Obras y Servicios S.L. baixo a dirección facultativa do arquitecto José Antonio Alonso, artífice tanto deste como dos dous proxectos de consolidación anteriores.