Friday 22 de November de 2024

O orzamento municipal de Riveira para o 2019 ascende a 22,3 millóns de euros


O alcalde de Riveira presentou esta mañá as grandes cifras do orzamento municipal de 2019 que vai someter á consideración do pleno, previsiblemente nunha sesión con carácter extraordinario.

O importe total do orzamento ascende a un total de 22.319.867 euros, medio millón de euros menos que o ano anterior se ben este é un dato enganoso dado que o de 2018 incluíu un préstamo de 1,5 millóns de euros que non hai no 2019, sendo netamente superior o volume de ingresos ordinarios deste ano en relación ao anterior: aproximadamente un millón de euros máis.

Acordos plenarios
Manuel Ruiz recalcou que a razón de propoñer uns orzamentos que de ser aprobados entrarían en vigor no mes de novembro (por mor das eleccións xa non se quixeron aprobar antes para non condicionar á nova Corporación) estriba na conveniencia de dar cumprimento a acordos plenarios —en moitos casos aprobados por unanimidade—, así como acompasar os números á execución orzamentaria. “Calquera pode comprender que o Goberno Municipal podería continuar cos orzamentos prorrogados posto que practicamente estarán un mes en vigor —especificou—: o interese responde a outros motivos e o principal beneficiario non é o Goberno Local, senón o Concello de Riveira a través de acordos plenarios que inflúen en diversos ámbitos.

Máis en concreto, explicou unha serie de motivos, tales como a aplicación da actual RPT, paralizada dende 2011; a adaptación do decreto da Xunta sobre conservatorios aos traballadores do centro riveirense; a normativa estatal que permite a xubilación dos policías locais aos 60 anos (o que implica un custe de 100.000 euros); o acordo plenario que aproba un gasto superior aos 135.000 euros en dependencia en relación ao 2018; a actualización de prezos dos grandes contratos pluruaniais de auga, limpeza e iluminación; o acordo da Xunta con Sogama que suporá unha diminución de 80.000 euros na taxa de lixo entre os cidadáns no recibo do último trimestre do ano; o incremento do 72% nos recursos para igualdade e violencia de xénero; ou a necesidade de afrontar determinadas inversións subvencionadas como son a dotación de material para o novo centro de hostalería, a terceira fase da excavación de Castro Cidá ou a conclusión do Centro Social de Carreira.

Débeda en mínimos históricos
En canto ás grandes magnitudes, o aforro bruto é de 4.282.122 euros e o neto, de 2.824.760 euros. En canto ao nivel de endebedamento, ascende ao 33,07%, a porcentaxe máis baixa na historia do municipio, que nos orzamentos do 2018 estaba no 49,6%.

No capítulo de investimentos, o montante total ascende a 2,926.810 euros, dedicando fondos propios por valor de 759.413 euros.