Nesta edición participarán un total de 13 entidades. Poderá visitarse de balde ata o vindeiro día 27 na sala Xosé Neira Vilas
Mañá venres o Concello de Cerceda inaugurará a VIII Mostra de Obradoiros Culturais da Comarca de Ordes. Unha cita promovida e organizada pola Mancomunidade de Ordes e que se poderá visitar de balde ata o 27 de decembro na sala de exposicións Xosé Neira Vilas (biblioteca municipal), nun horario que vai de luns a sábado de 15 a 21 horas.
Nesta nova edición participan un total de 13 organizacións, asociacións e grupos de traballo, que de maneira temporal cederon as súas creacións e traballos manuais para poder levar a cabo a dita mostra. Concretamente estes son o Obradoiro Municipal de Traballos Manuais e Pintura do Concello de Cerceda, Obradoiro Municipal de Traballos Manuais do Concello de Frades, Obradoiro Municipal de Debuxo e Pintura do Concello de Ordes, AAVV ‘O Cruceiro’ de Beán (Ordes), Asociación de Amas de Casa e Consumidores de Ordes, Curso de Habilidades Sociais para Persoas con Discapacidade do Concello de Ordes, Mulleres Traballadoras de Ordes, Asociación Andaina Pro saúde Mental (Ordes), Obradoiros Municipais do Concello de Oroso (labores, patchwork, debuxo e pintura), AAVV ‘Penateixa’ (Oroso), Asociación de Mulleres ‘Pedralonga’ (Tordoia), obradoiros municipais de patchwork e traballos manuais do Concello de Mesía e a Asociación de Mulleres de Trazo.
Para levar a cabo esta iniciativa a Mancomunidade de Ordes, principal organizadora conxuntamente cos concellos participantes, contou co financiamento da Deputación da Coruña.
Con esta mostra preténdese ofrecer un escaparate para dar a coñecer o labor e o traballo realizado durante os últimos meses por todos os participantes. A mostra tamén persegue achegarlle ao resto da cidadanía a faceta máis creativa e artística dos seus veciños e veciñas, á par que se poñen en coñecemento novas alternativas de ocio existentes na comarca, e das que se pode chegar a formar parte moi doadamente.