Saturday 16 de November de 2024

Moeche reserva preto de 116.000 euros para reparar as bancadas do campo de fútbol municipal


As obras licitaranse en breve, case dous anos despois de ter que clausurar as instalacións ante o perigo de derrubo
O 83% do finanzamento provén do Plan Adicional do POS+ mentres que o 17% restante será asumido polo Concello

Anacos de cemento desprendéndose constantemente, ferralla á vista e seriamente danada, filtracións de humidade e fendas con moi mala pinta. Ese é o panorama que presentan as bancadas do campo de fútbol municipal nestes momentos e razón pola que, xa a finais de 2017, o Concello decidiu clausurar a estrutura ante o perigo de derrubamento. A solución tamén se sabía daquela: había que refacer o graderío por completo. Nese sentido, a ADC Moeche e mailo Concello empezaron a buscar a implicación da Federación Galega de Fútbol e da Secretaría Xeral para o Deporte que, finalmente, non comprometeron ningún tipo de colaboración. Agora hai un proxecto consensuado co club e tamén cartos para levalo a cabo, procedentes da segunda fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña. A actuación, cifrada en 115.845€, cofinanciarase nun 83% cos fondos provinciais, mentres que o 17% restante irá por conta do Concello. Os traballos centraranse en acondicionar as bancadas de abaixo a arriba dotándoas dunha base máis sólida, fileiras de asentos por onde non se filtre a auga e unha nova cuberta soportada por unha estrutura metálica máis lixeira e resistente ao paso do tempo. O procedemento de contratación das obras arrancará en breve coa publicación da licitación na Plataforma de Contratos co Sector Público.

Os desperfectos na construción veñen de vello. Xa en 1994 se lle enviou un escrito á Xunta de Galicia poñendo de manifesto o mal estado da estrutura que, máis de dúas décadas despois, acusa a falla de mantemento durante anos, os efectos do clima e, presumiblemente, unha mala calidade dos elementos prefabricados que soportan a cuberta e a zona de asentos.

Cavillas enferruxadas, anacos grandes e pequenos de formigón que se desprenderon -incluso no teito dos vestiarios situados na parte baixa- foron sinais de alarma suficientes para que o Concello encargase un estudo técnico sobre o estado de conservación das instalacións. O informe elaborado por arquitectos especializados -coincidente coa segunda opinión solicitada a persoal técnico da Deputación da Coruña- foi claro e contundente ao indicar que as bancadas debían clausurarse inmediatamente polo perigo que supuñan, algo que o consistorio fixo en decembro de 2017.

Desde ese momento comezaron a buscarse solucións, que pasaban por obter financiamento tanto para o proxecto técnico como para as obras en si mesmas. O Concello petou na porta da Secretaría Xeral para o Deporte en dúas ocasións, unha en outubro de 2018 en tempos de Marta Míguez e outra este mesmo ano xa con José Ramón Lete á fronte do organismo dependente da Xunta. A primeira non rexeitou a posibilidade de achegar colaboración económica -nin tampouco a comprometeu- e o actual responsable foi máis claro, apuntando que para este 2019 “xa non había partida económica dispoñible” e que para 2020 “o vía difícil”, segundo asegura Beatriz Bascoy.

A ADC Moeche -entidade deportiva que emprega as instalacións- tamén contactou coa Federación Galega de Fútbol para expoñerlles o caso ao saber da apertura dunha liña de subvencións para infraestruturas. Nun primeiro momento a federación, que tamén mantivo encontros con responsables municipais, comprometeuse a asumir a redacción do proxecto, chegando incluso a enviar dous técnicos para revisar o estado das bancadas. Porén, tal e como recorda Beatriz Bascoy, “ao final todo quedou en nada”. Segundo a alcaldesa, a FGF “aceptou custear a redacción do proxecto técnico. Así nolo manifestaron ao club e máis nós nas xuntanzas que mantivemos. Mesmo viñeron ver as instalacións para empezar o traballo. Pero, ao final, nada de nada. Dixéronnos que non lles encaixaba por cuestión administrativas, pero a percepción que temos é que houbo outros motivos. Non nos explicamos, nin eles tampouco nolo aclararon, a que se debeu ese cambio de talante, que pasou dunha absoluta colaboración a darnos a nós e ao club coa porta nos fuciños”.

Achega provincial e cofinanciamento municipal
Un ano e nove meses despois de terse clausurado as bancadas a cousa está xa encamiñada, grazas aos fondos supletorios da Deputación da Coruña consignados a través da segunda fase do POS+ Adicional, que supoñen unha inxección económica de 97.308,98€, o 83% dos case 116.000 euros en que está orzamentada toda a obra. Os outros algo máis de 18.500 euros -o 17% restante- sufragaranse con cargo ás contas municipais. Son cifras que, case con total seguridade, se verán reducidas ao remate do proceso de contratación coa baixa económica ofertada pola empresa que resulte adxudicataria dos traballos.

As instalacións deportivas non se reconstruirán por completo, pero case. No proxecto técnico recóllense todos os problemas de partida e as solucións que máis se axeiten ás necesidades de uso e ao condicionante dun orzamento que, de acordo con esas necesidades, sexa asumible. “Bancadas poden facerse grandes, pequenas, con máis ou menos luxo, con máis ou menos equipamentos… Pero nós e mailo club chegamos á conclusión de que era mellor unha estrutura o máis funcional posible, segura, doada de manter no futuro e axeitada ás necesidades de cada domingo. En todo este proceso mantivemos unha estreita comunicación coa ADC Moeche ata definir un proxecto que, cremos, ten un custe equilibrado en relación co uso real das instalacións”.

De acordo con esta filosofía deseñáronse unha serie de actuacións que pasan, en primeiro lugar, por botar abaixo a cuberta de formigón existente. Logo sanearanse as cimentacións e reporanse as zapatas que o precisen acometendo, ademais, un reforzo de toda a base da edificación. Sobre dela instalaranse novas bancadas prefabricadas en formigón armado que irán debidamente seladas para evitar as filtracións aos vestiarios. A lonxitude total pasará dos 30 aos 20 metros, co que a superficie para público gorecido quedará nuns 120 metros cadrados, sobre os que se distribuirán 135 asentos individuais.

Para a parte da cuberta optouse por un deseño que combina vigas e piares metálicos que arrancan da parte traseira do edificio. Os soportes principais irán ancorados na estrutura e reforzados con tirantes en cruz. O remate da obra será un teito lixeiro en panel sándwich e o recebado e pintado de todas as paredes, ademais da instalación de varandas de seguridade na parte frontal e nas escaleiras de acceso, que agora irán nun lateral.