Tras os meses de verán o centro volve a abrir tanto pola mañá como pola tarde. Entre outras novidades xa se pode acceder a un catálogo único para todos os centros públicos de Galicia, grazas á implantación do sistema KOHA
Tras a época de verán a Biblioteca Municipal de Ordes xa ten restablecido o seu servizo en horario habitual, tanto pola mañá como pola tarde. Este vai de luns a venres de 8.30 a 14.30 e de 15.30 a 20 horas, mentres que os sábados é de 10 a 14 horas.
O servizo presenta xa destacadas novidades, melloras e comodidades grazas á implantación do sistema de xestión KOHA, común a toda a rede bibliotecaria galega. Así xa é posible o acceso a un catálogo único para todas as bibliotecas públicas de Galicia (https://rbgalicia.xunta.gal/gl/bibliotecas-integradas-no-catalogo-da-rede-de-bibliotecas-de-galicia). Ademais a unificación dos carnés de socios posibilita dispoñer dun fondo documental de 900.000 títulos con máis de 2.900.000 exemplares. De feito, unha vez expedido o documento inscribirase de xeito inmediato a cada persoa na plataforma de préstamo de libros electrónicos da rede de bibliotecas públicas galegas Galicile (https://www.galiciale.gal/).
Outra vantaxe a ter en conta é a posibilidade de levar a cabo calquera trámite, incluso a renovación de préstamos, desde calquera centro integrado na rede, chamando por teléfono ou a través de Internet (https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal/). Outros son: a reserva de títulos; sesións personalizadas na páxina do catálogo da Rede con historial de buscas ou listas privadas con seleccións de documentos; propostas de compra de obras; modificación de datos persoais etc.
Para os socios ou socias que non poidan recoller os libros de forma persoal contémplase poder autorizar a outra persoa a facer uso do seu carné, así como a posibilidade de usar un servizo de préstamo de obxectos tridimensionais (portátiles ou libros electrónicos).