Sunday 24 de November de 2024

A quinta edición da Marcha contra o Cancro de Noia aspira a superar os 2.000 participantes


 

Sairá este sábado 21 de setembro, ás 17:00 horas, da Alameda de Noia

A quinta edición da Marcha contra o Cancro de Noia, que terá lugar este sábado 21 de setembro, ás 17:00 horas, aspira a superar o récord marcado o ano pasado de 1.850 participantes e mesmo superar as 2.000 persoas. Unha iniciativa solidaria organizada pola delegación noiesa da Asociación Española contra o Cancro e que conta co patrocinio do Concello de Noia e Noia Histórica, ademais da colaboración de Protección Civil Noia, Cruz Vermella Noia, Club de Atletismo Noia, Gadis e Afundación Obra Social Abanca.

O evento foi presentado esta mañá no salón de plenos noiés polo alcalde, Santiago Freire, quen estivo acompañado polo coordinador da proba, Juancho Balderrábano; pola presidenta de Noia Histórica, Yanira Somoza; pola concelleira de Deportes, Laura Salgadao; e pola vogal de Noia Histórica, Mary Pombo; excusando a última hora a súa presenza a presidenta da xunta local noiesa da AECC, Esperanza Juanatey.

Santiago Freire fixo un chamamento á participación e lembrou que “todo o que se recade será doado á investigación contra o cancro, polo que agardamos unha participación masiva tanto dos veciños e veciñas de Noia como de todas as persoas da comarca que queiran achegarse o sábado e colaborar con este evento”. Neste sentido, Laura Salgado incidiu en que “estamos falando dun obxectivo solidario como é apoiar a investigación dunha enfermidade que, por desgracia, afecta practicamente a todas as familias”.

Pola súa banda, Juancho Balderrábano destacou que “empezamos en 2013 con esta marcha e imos vendo como a participación e a solidariedade foi medrando ano tras ano: dos 700 participantes a achegarnos aos 2.000 o ano pasado, con máis de 1.850 persoas”. Así, o coordinador da proba asegurou que “Noia é un pobo solidario e solidariedade é o que buscamos con esta iniciativa, tanto das persoas como dos establecementos e das institucións, por iso contamos co apoio de Noia Histórica e do Concello”.

Finalmente, Yanira Somoza destacou que “é un orgullo que tantas persoas estean involucradas” nesta iniciativa e lembrou que ata o 19 de setembro se poden facer inscricións e mercar merchandising da proba nos corenta establecementos adheridos á asociación de comerciantes.

Proba non competitiva

A V Marcha contra o Cancro de Noia terá lugar o sábado 21 de setembro, ás 17:00 horas. Con saída e meta na Alameda noiesa, os participantes farán un percorrido de 3 km polo casco histórico e o paseo marítimo da vila. Balderrábano insiste en que “a proba non ten ánimo competitivo, é unha marcha na que todo o mundo pode participar e ir ao seu ritmo: adultos, nenos, maiores, en cadeira de rodas… O importante é que con cada grao de area que achega cada persoa podemos facer unha montaña”.

Para colaborar, só é preciso anotarse na proba e aboar unha cota de 5 euros, que inclúe unha camiseta conmemorativa. A recollida de dorsais poderá facerse de 10:30 a 16:45 horas diante da casa consistorial de Noia. Así mesmo, as inscricións poden facerse online (http://www.evedeportnorte.com/aeccenmarcha/) ou persoalmente nos establecementos adheridos a Noia Histórica ata o vindeiro 19 de setembro. Tamén será posible anotarse diante da casa do concello o venres 20, de 18:00 a 20:00 horas, e o propio sábado 21, de 10:30 a 16:45 horas.