Friday 22 de November de 2024

O Teatro Colón mantén os seus eixes temáticos e faille unha chiscadela á ópera na programación para o último trimestre


A directora do Teatro, Bettina Kohlas, anunciou que durante os últimos 18 meses o teatro acolleu 217 títulos e 66.293 persoas espectadoras

O Concello presentou esta mañá no Teatro Colón a súa programación para os meses de outubro, novembro e decembro, que comezará o próximo día 2 co concerto do músico John Mayall, mestre do blues e figura clave na música contemporánea, e pecharase o 27 de decembro coa actuación da Coral Polifónica El Eco. O acto contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Jesús Celemín , o deputado de Cultura, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística, Xosé Xurxo Couto Rodríguez, e a directora do Teatro Colón, Bettina Kohlass.
Tanto o responsable municipal como o do Goberno provincial encomiaron o clima de diálogo e colaboración entre ambas as institucións, que permite ofrecerlle á cidadanía unha programación variada. O responsable da Deputación, organismo titular del edificio, mostrou a súa “satisfacción polo labor realizado no ano e medio que leva o concello xestionando o teatro”. Neste sentido, ambos os responsables coincidiron en afirmaren que “ata decembro non toca falar de convenios”.

Como lembrou Bettina Kohlass, o novo Teatro Colón nace do encontro de dúas administracións públicas e “iso define significativamente esta nova etapa”, xa que o teatro, dixo, enmárcase na rede de infraestruturas culturais do IMCE, e iso implica un posicionamento dentro da oferta cultural existente para poder organizar unha programación variada e recoñecible por espazos.

A directora tamén sinalou a colaboración entre as dúas administracións como “un exemplo para seguir, unha colaboración de primeiro nivel totalmente enriquecedora para todas e todos”.

Durante a presentación da nova programación, Bettina Kohlass sinalou que “esta nova tempada que empeza en outubro vén “marcada polas liñas desenvoltas desde o ano pasado que pasan por apostas estratéxicas de programación moi definidas en eixes temáticos”.

A nosa intención, remarcou a directora, é chegarmos a un público moi variado intentando fidelizar o xa existente e captar novos públicos con propostas vangardistas en que estea moi presente a cultura galega.

Seguindo os eixes temáticos xa establecidos e mantendo a filosofía do Festival Noroeste, o ciclo Noroeste ofrecerá concertos vinculados co festival. Neste último trimestre, o Teatro Colón acollerá os concertos de John Mayall o 2 de outubro, o de Coque Malla presentando o seu novo disco “Revolución” o próximo 22 de novembro, e o recital de León Benavente o 19 de decembro. O Teatro, sinalou a responsable de programación, quere ser referente de estreas e de apostas de vangarda.

O Colón seguirá apostando polos monólogos e o Encontro Mundial do Humor, con “Noites de Retranca” o 5 de outubro, un trío que se reúne por primeira vez nos escenarios coruñeses; Goyo Jiménez, o 8 e 9 de novembro, e o humor irreverente de Miguel Lago que pisará o escenario o 10 de outubro.

Canto a ciclos musicais concretos, este trimestre a programación faralle unha chiscadela á ópera. Tras o éxito da estrea de Don Giovanni baixo a dirección do cineasta Carlos Saura, o Teatro acollerá dúas producións galegas que a directora cualificou de “dous bombazos”. Trátase da ópera para todos os públicos “O papagaio de Carlos V”, con música de Nani García e escenografía e vestiario de Miguelanxo Prado, que se poderá gozar os días 5 e 6 de decembro, e “Amnesia de Clio”, unha ópera de Voadora, primeira función galega de gran formato coa Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra Nosa.

Co obxectivo de impulsar a creación artística no seu conxunto e, de xeito especial, a creación galega, a programación, sinalou Bettina Kohlass, inclúe tamén a estrea de discos, obras de teatro e producións artísticas variadas. “Presentaremos o novo disco de César de Centi, que celebra a súa maioría de idade sobre os escenarios”, apuntou.

Nelson Quintero actuará o 8 de decembro, e o día 13 de decembro o público coruñés terá a oportunidade de escoitar o novo disco de Guadi Galego, “Inmersión”, no que reflexiona sobre o seu traballo.

Canto ao ciclo de Cinema Experience, a responsable do Teatro Colón adiantou que a súa intención é seguir albergando propostas experimentais no campo do audiovisual con estreas, ciclos temáticos ou clásicos. É o caso da celebración da Semana das Músicas no Audiovisual, SEMUA, que seguirá nos próximos meses coas iniciativas da OSG e a Banda Municipal.

No ámbito do teatro comercial, as propostas, dixo, buscan complementar a programación do Teatro Rosalía. Así terá lugar a estrea o próximo día 25 de outubro da adaptación da obra “Fariña”, e a representación de “Perfectos descoñecidos” de Daniel Guzmán o 16 de novembro, mentres que o Bruxo visitará a cidade o próximo
4 de outubro.

O ciclo Espazo da Biodiversidade incorpora distintos concertos e o apartado de Especiais e Aniversarios recolle o tradicional concerto de Nadal da orquestra Gaos e o concerto de Reis coa canteira da OSG, “o que representa un xesto ao futuro da música clásica na cidade”, indicou a directora.

Bettina Kohlaas sinalou que En familia é un apartado que acadou un grande éxito con espectáculos de maxia e circo e que agora se apostará polo rock para achegar artistas míticos a toda a familia. Comezará o ciclo con Bon Jovi e Metallica. Trátase, explicou, de tributos a distintos cantantes. Un formato de carácter didáctico que lles

permite interactuar ás nenas e aos nenos mentres observan diapositivas e un narrador lles descobre a vida e obra dos artistas.

A responsable tamén fixo fincapé na programación que presenta a Deputación, titular do edificio, na súa aposta pola cultura galega e a innovación con proxectos singulares como a “Cantata” e a ópera “Amnesia de Clio”, en que colaboran de maneira conxunta.

Para máis información sobre a nova programación pode visitarse a web www.teatrocolon.es