Saturday 16 de November de 2024

Política Social salienta que o Plan de Emprego de Cruz Vermella facilita o acceso ao mercado laboral de colectivos vulnerables


Realizáronse programas específicos dirixidos a persoas maiores de 45 anos, mulleres afastadas do mercado laboral, persoas inmigrantes ou refuxiadas

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, salientou que o plan de emprego realizado por Cruz Vermella facilita o acceso ao mercado laboral de colectivos vulnerables. Fíxoo esta mañá durante a presentación realizada pola presidenta da entidade, Carme Colmeiro, sobre os resultados acadados con este programa.

Arturo Parrado felicitou á Cruz Vermella polo traballo que realiza en favor das persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade e tamén por esta iniciativa en concreto, que mellora a empregabilidade a través de programas específicos dirixidos a persoas maiores de 45 anos, mulleres afastadas do mercado laboral, persoas inmigrantes ou refuxiadas.

O director xeral destacou que a Xunta de Galicia seguirá a apoiar entidades como Cruz Vermella que traballan a prol daqueles que máis o necesitan. Así, recordou que a Consellería de Política Social, a través de diferentes axudas postas en marcha desde Inclusión Social, achegou durante o pasado ano máis de un millón de euros para mellorar os servizos postos en marcha por esta organización referente en toda a comunidade.

Por último, Arturo Parrado incidiu en que para promover a igualdade de oportunidades no emprego e impulsar o acceso ao mercado laboral é necesario continuar esta liña de colaboración, non só entre administracións públicas e entidades sociais, senón tamén coas empresas, parte imprescindible neste fin.