A iniciativa está incluída no proxecto “Mocidade en movemento”, subvencionado pola Consellería de Política Social
O Concello de Lousame organiza este venres 20 de setembro, ás 19:00 horas, un obradoiro gratuíto de reciclaxe dirixido a mozos e mozas de 14 anos en adiante, que terá lugar na Casa da Cultura. Trátase da cuarta iniciativa organizada ao abeiro do proxecto “Mocidade en Movemento” do programa de voluntariado xuvenil “Xuventude Activa Lousame 2019” e subvencionado pola Consellería de Política Social.
A concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo, explica que “aprenderemos a dar novos usos a cousas que desbotamos e que xamais pensaríamos que se puidesen volver a usar. Utilizando materiais de refugallo caseiro elaboraremos obxectos artísticos, fomentando nos participantes novas conductas con conciencia ambiental e sostenibilidade”. Unha iniciativa que busca fomentar unha reciclaxe responsable entre a mocidade lousamiá, ampliando a súa concienciación respecto ás 3 R´s (Reducir, Reutilizar e Reciclar).
Para participar só é preciso anotarse na Oficina de Información Xuvenil de Lousame, no teléfono 981 82 04 94 ou no correo electrónico oix@concellodelousame.com. Este é a cuarta iniciativa que se desenvolve do programa “Mocidade en Movemento”, que leva a cabo o Concello de Lousame co apoio da Dirección Xeral de Xuventude. Un programa que xa leva celebrados un obradoiro de rap en galego, un curso de manexo de drons e un obradoiro de contos en igualdade.