Sunday 24 de November de 2024

O secretario xeral para o Deporte participou na XIII Gala dos Premios+Deporte do xornal La Región


Lete Lasa salienta a función pedagóxica dos deportistas na construción dos valores sociais que fan forte un país

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, salientou a función pedagóxica que cumpren na sociedade deportistas como os premiados esta tarde na XIII Gala dos Premios + Deporte, organizada polo xornal La Región para recoñecer aos deportistas, equipos e escolas deportivas da provincia de Ourense máis destacados na tempada 2013/2014.

No acto celebrado no Auditorio Municipal da capital ourensá, Lete Lasa eloxiou dos galardoados a súa actitude ante o deporte e ante a vida, coa que fan patente na sociedade, e especialmente entre as novas xeracións protagonistas do futuro, que a suma dos valores do esforzo, a honestidade e o traballo ben feito é receita segura para o crecemento sobre piares fortes e duradeiros tanto das persoas como dos países.

O titular de Deportes da Xunta agradeceu ao xornal La Región o seu apoio constante ao deporte ourensán e galego a través do suplemento +Deporte, asegurando que deste xeito o centenario medio de comunicación contribúe a promover unha Galicia máis activa, atractiva e saudable en todos os sentidos, incluído o socioeconómico.

Como en anteriores edicións do certame, durante o acto desta tarde fixéronse públicos os premiados nas nove categorías deportivas habituais, recoñecementos aos que se engadiron outros especiais, como a homenaxe ao Club Deportivo Ourense de fútbol e ao Caixa Ourense de baloncesto que hai 25 anos logrou o ascenso á ACB.