O incremento coincide coa ampliación do horario de visita derivado da incorporación dunha guía turística
Un total de 587 persoas visitaron o poboado mineiro das minas de San Finx durante o pasado mes de agosto, o que representa case un terzo dos 1.800 visitantes rexistrados ao longo do ano 2018. Unhas visitas nas que os presentes coñecen tanto a historia das minas como a súa evolución ao longo dos anos, así como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor este patrimonio.
Destas 587 visitas realizadas durante o pasado mes de agosto, 427 eran da comarca, 158 do resto do territorio nacional e 2 de fóra de España. Unha cifra récord nos últimos anos que coincide coa incorporación dunha técnica de turismo ao poboado mineiro, o que posibilita a súa apertura de xoves a domingo tanto en horario de mañá, de 11:00 a 14:00 horas, como de tarde, de 17:00 a 20:30 horas.
Este horario súmase tamén ás visitas gratuítas guiadas e programadas con antelación para grupos de máis de 10 persoas, que poden realizarse de martes a domingo reservando no Concello de Lousame (981 820 494) ou no teléfono 679 583 332. Estas visitas adoitan durar unha media de entre hora e hora e media. Durante ese tempo, o grupo recibe unha charla no centro de interpretación das minas de San Finx onde se proxectan diapositivas sobre a historia das minas e a importancia que a extracción de estaño e de volframio tivo para a comarca dende finais do século XIX ata despois da “febre do volframio”, na posguerra civil española.
Despois, o grupo adoita visitar o centro de interpretación das minas de San Finx, onde pode ver unha maqueta a escala das minas como distinta documentación e trebellos relacionados coa traballo das minas e coa época, dende o propio wolframio ata teléfonos antigos, peneiras, imaxes antigas… Ademais, os grupos visitan os distintos edificios do poboado mineiro (edificio de compresores, enganche eléctrico, armazón do pozo novo…) onde poden contemplar os equipos que se utilizaban na extracción do mineral, algúns deles en perfecto estado de uso como compresores, cabrestantes, forno de fundición de estaño, etc.