Friday 22 de November de 2024

Moeche abre o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais


O Verán en Acción organizado polo Concello de Moeche achegou durante xullo e agosto unha chea de propostas para manter a veciñanza en forma. Despois de facer unha pequena parada de descanso este mes setembro, o Concello volve poñer en marcha actividades dirixidas a todas as idades, cun programa que varía con respecto ao curso 2018/2019 co obxectivo de adaptarse ás preferencias das persoas usuarias e tamén para complementar mellor a actividade extraescolar do CEIP San Ramón.

O listado de escolas ten, polo tanto, dúas partes: unha que arranca o 7 de outubro orientada ás nenas e nenos do colexio público -con idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos- e outra a partir do 14 de outubro para a veciñanza maior de 15 anos, que abrangue 5 actividades distintas con horarios compatibles.

A cativería poderá practicar, coma o ano pasado, patinaxe e deportes de raqueta -tenis, bádminton, tenis de mesa-, aos que se engaden a psicomotricidade e tamén o judo. Fóra do deporte tamén terán un interesante obradoiro de iniciación á cestaría organizado en colaboración coa asociación veciñal Val de Moeche.

As escolas para maiores de 15 anos repetirán o Maiores+, con actividade física para quen pase de 50 anos, contarán co apartado Movémonos -onde se fan exercicios máis intensos- e ofrecerán tamén sesións de spinning e patinaxe. O pilates, introducido con éxito o ano pasado, farase este curso en quendas de mañá e de tarde.

As inscricións poden facerse desde o 16 de setembro chamando ao 981 404 006, no correo daniel.feijoo@moeche.gal ou presencialmente na Casa do Concello entre as 8.30 e as 14.00h., de luns a venres. No caso das escolas deportivas infantís tamén é posible apuntarse directamente no CEIP San Ramón.

As entidades veciñais tamén organizan un completo programa de cursos
En paralelo coa programación municipal, as asociacións do territorio tamén reactivan a súa oferta de cursos de todo tipo. A AVV de Labacengos organiza manualidades, zumba e as súas xuntanzas veciñais dos últimos mércores de mes. As inscricións poden facerse no 606 729 038.

Outra asociación, a do Val de Moeche, aposta tamén polas manualidades, ademais da costura, a cestaría e os bailes latinos. Nese caso hai que apuntarse chamando ao 622 916 160.

As actividades veciñais irán arrancando na primeira semana de outubro. Todos os horarios poden consultarse na web moeche.gal.