A piques de que o Museo do Gravado de Artes cumpre dúas décadas de existencia, esta instalación situada no lugar riveirense de Outeiro vén de acoller outro momento significativo na súa traxectoria como é a entrega de galardóns da décima edición dos Premios de Gravado Atlante.
As notas da sonata para piano “A Tempestade” de Beethooven tocadas por Yuri Durán deron inicio a un acontecemento que contou coa presenza na mesa presidencial do secretario de Cultura da Xunta, Ana Lourenzo; do presidente da Fundación Museo de Artes e alcalde de Riveira, Manuel Ruiz; o vicepresidente e impulsor do museo, Javier Expósito; o fillo adoptivo de Riveira e patrono da fundación, Ramiro Carregal; a voceira do xuradoCarmen Hermo e o novo patrono Emilio Santasmarinas.
O bilbaíno afincado en Barcelona Juan García Escudero foi o principal distinguido ao recibir o Premio Ramiro Carregal Rey, dotado con 5.000 euros. García Escudero acudiu persoalmente a recoller o galardón, ao igual que o fixeron outros premiados (en modalidades agraciadas con 2.500 euros) como Ana María Bellido Zambrano, procedente de Cádiz, e María Gabriela Guzmán, quen acudiu expresamente dende Chile. Tamén foi distinguida cun Atlante a polaca Anna Trojanowska (neste caso recolleu o premio o artista noiés Afonso Costa), mentres que a coruñesa Nuria Pena recibiu o premio Galicia, neste caso dotado con 2.000 euros.
Integraron o xurado Alfonso Costa, Manuel Ayaso, Carmen Hemro, Isabel Pintdo, Juan Monterroso, José Manuel López Vázquez (quen falou en nome de todos eles e expresou as dificultades de que uns premios de gravado cumpran dez anos de existencia) e Daniel Buján.
“O mellor museo de Europa”
De xeito paralela á entrega de distincións tamén se abriu unha exposición cun total de 40 obras seleccionadas de entre as 400 de 30 países recibidas, algunhas dende puntos tan remotos como Australia, o que dá idea da prestixio destes premios fomentados por un museo que, en palabras do seu alma mater Javier Expósito, “é o mellor de Europa no mundo do gravado antigo e contemporáneo” (moitos dos galardoados chegados de fóra se amosaron sorprendidos de feito pola calidade dos fondos que garda a instalación de Artes).
Manuel Ruiz asegurou durante o seu discurso que coa sinatura do comodato subscrito entre fundación e concello riveirense, o futuro dos premios Atlante están asegurados durante polo menos outros vinte anos máis.
Logo dunha nova interpretación ao piano por Yuri Durán deu por concluída unha cerimonia dunha hora de duración que rematou cunha foto de familia.