A empresa comunica oficialmente a súa decisión días despois de que o alcalde de Ordes mantivera un encontro acompañado da concelleira de Medio Ambiente coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas para amosarlle as súas reticencias ante o proxecto da liña de alta tensión
O alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, vén de amosar a súa satisfacción tras a comunicación efectuada polo grupo Green Capital Power de renunciar á tramitación administrativa do proxecto para a instalación da denominada liña de alta tensión Gasalla-Monte Inxerio. Dito rexeitamento foi comunicado a tarde do pasado xoves de maneira oficial e telematicamente á Dirección Xeral de Industria e Minas, e o Concello tivo coñecemento onte venres.
Precisamente o rexedor ordense mantivera múltiples reunións nos últimos meses cos axentes implicados, e foi convocado fai escasos días a un último encontro co persoal técnico da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para expoñerlle novamente as súas reticencias e inquedanzas ante o dito proxecto. Nesta reunión incidiu especialmente en varios aspectos relacionados co traxecto trazado para esta liña “xa que é ilóxico que partindo dende a subestación proposta para o PE Solpor e o PE Gasalla se teña que atravesar todo o municipio de Este a Oeste ata Mercurín para logo chegar desde alí ao Mesón do Vento e a subestación das Travesas”.
Martínez Sanjurjo tamén insiste en que aínda que “esta nova aporta folgos en materia mediambiental para o noso municipio” é consciente que “queda moito camiño por andar e moito traballo por facer”. Unha vez máis o alcalde lembra que aínda que este proxecto “xa non se vai a chegar a materializar queda por diante calquera outro trámite que as empresas inicien dentro do noso termo municipal”. Martínez Sanjurjo asegura que, “como fixeron ata agora, dende o goberno do Concello de Ordes manteremos unha actitude fiscalizadora apoiada nos técnicos municipais, sin entrar xamais nas confrontacións que buscan outras formacións políticas locais e organizacións supostamente apolíticas, claramente dirixidas, articuladas e vinculadas a partidos políticos autonómicos, sempre coa premisa máxima de salvagardar os verdadeiros intereses do noso municipio e da nosa xente. Non imos nin podemos ir en ningún caso contra das Normas e das Leis pois poderíamos incurrir en delitos ou en actuacións que deriven en responsabilidades patrimoniais a pagar co diñeiro público, pero tampouco imos a tolerar que se pisen os dereitos privados da veciñanza e os públicos por mor dos beneficios económicos de ningún axente externo”.