Covadonga Toca e a concelleira de Traballo de Ordes compartiron unha xornada co alumnado deste programa de formación laboral. Tamén acudiron as reputadas cociñeiras Lucía Freitas e Megu Ramil, ademais do alcalde de Ordes
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, participou esta mañá nun encontro coas persoas participantes no proxecto Galitex, o cal se está a desenvolver no primeiro andar da Praza de Abastos. Ademais da responsable autonómica tamén estivo presente Susana García, concelleira de Traballo de Ordes, así como o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo.
Acompañadas entre outras personalidades de María Coutinho, subdirectora xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, tiveron a ocasión de coñecer e analizar in situ o traballo realizado nos obradoiros de arte floral e repostería. Por este motivo contaron coas intervencións de dúas personalidades dentro do ámbito da hostalería como son Lucía Freitas e Megu Ramil, gañadora dunha estrela Michelín e cociñeira da Casa dos Xacobes de Santiago de Compostela respectivamente. Ambas compartiron experiencias e vivencias dos seus inicios, ademais de consellos e recomendacións.
Máis dun millón
Galitex, iniciativa proposta pola Xunta de Galicia e aprobada pola Comisión Europea en prol da empregabilidade, está dirixida ás persoas da comarca e ás da zona da Coruña afectadas polo desemprego no sector téxtil. En total destináronse 1.200.000 € cofinanciados pola Comisión Europea a través do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (60%) e a Xunta de Galicia (40%).
O principal obxectivo de Galitex, iniciado en marzo de 2018, é o de axudar aos traballadores e traballadoras a atopar novos empregos, xa sexan no mesmo sector ou en novas industrias con potencial de desenvolvemento. As medidas realizadas pasan pola asistencia profesional e personalizada, ademais de mellorar ou reciclarse profesionalmente, promover o espírito empresarial, así como incentivar a conciliación laboral e familiar.
En total benefícianse algo máis de 303 traballadores, dos que o 83,5% son mulleres con idades comprendidas entre os 30 e 54 anos, que poderán acceder a un plan integrado. Está composto por unha serie de medidas adaptables ás necesidades de cada persoa con seguimento e apoio individual ata conseguir a súa reinserción no mercado laboral.