A alcaldesa de Lousame pide desculpas polo atraso producido o ano pasado
“As clases da Escola Municipal de Música de Lousame darán comezo o día 2 de outubro”. Así de contundente se amosa a alcaldesa, Teresa Villaverde, ao falar do proceso de licitación posto en marcha polo Concello para adxudicar o servizo da Escola de Música de Lousame, procedemento posto en marcha no mes de xullo.
“Quero que a persoa adxudicataria do servizo teña claro que o 31 de setembro deberá presentar no Concello os horarios de todas as asignaturas. Que o 1 de outubro terá que reunirse coas familias do alumnado e coa conselleira de Cultura para presentar eses horarios. E que o mércores 2 de outubro teñen que empezar as clases”, asegurou Villaverde Pais, quen non desexa que se repita a situación do ano pasado. “O ano pasado que houbo un gran atraso, polo que reiteramos as nosas desculpas aos pais e nais, pero foi debido á nova lei de contratos e ao estreo da plataforma de contratación, polo que isto xa non pode volver a producirse este ano”, advirte a alcaldesa.
O Concello de Lousame saca a licitación o servizo de Escola Municipal de Música por un importe de 48.304,08 euros (IVE, incluído) e un prazo de un ano, prorrogable por un segundo ano (o que suporía sumar outros 48.304,08 euros máis). Villaverde Pais, quen estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, reiterou a aposta do Concello de Lousame pola cultura, en xeral, e pola Escola Municipal de Música, en particular, “a pesar de ser un municipio pequeno”.