Friday 22 de November de 2024

A Semana da Mobilidade incluirá debates, circuítos, carreiras populares e unha xornada sen coches


O concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada presentou esta mañá as actividades, que darán comezo o luns con percorridos con antifaces, en tándem e a pé

O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, presentou esta mañá no Obelisco a Semana da Mobilidade, que comezará o luns con actividades por distintas zonas da cidade dirixidas a diferentes sectores da poboación de cara a animar a cidadanía a optar por modos de transporte públicos e a combinar desprazamentos a pé e en bicicleta con estes. Durante toda a semana que vén, o edil explicou que quedarán pechados ao tráfico tres carrís, en dirección de saída, á altura do Obelisco, onde se instalarán carpas que se poderán visitar de 11.30 a 13.30 e de 17.30 a 20.30 horas.

A Semana da Mobilidade, explicou o edil de Urbanismo, forma parte dunha iniciativa europea que busca “concienciar sobre novas formas de mobilidade máis activas, máis saudables e que contribúan a unha mellora do espazo público e o desprazamento polas cidades”.

Juan Díaz Villoslada tamén incidiu, durante o acto de presentación, no feito de que o reto da mobilidade non é unha moda, senón que é unha necesidade desde tres puntos de vista: desde a mellora dos espazos públicos, de saúde e de calidade ambiental. “Estamos ante unha crise climática e debemos adoptar todas as medidas que faciliten a descarbonización, por un lado, dos nosos modos de desprazarnos e, por outro lado, dos modos de crecer e producir”, sinalou.

A Semana inaugurarase o 16 con circuítos de antefaces e bastóns, ás 13.30 horas, organizados pola ONCE; e percorridos en tándem e a pé. Díaz Villoslada destacou o Foro debate, impulsado pola Asociación Crunia, que terá lugar o martes ás 18.00 horas na Fundación Abanca de Rego de Auga e unha mesa técnica, ás 19.30 horas, sobre a mobilidade, que dará paso o mércores, á mesma hora, a outra, na que representantes de distintas entidades municipais expoñerán os avances e as solucións para facelas máis accesibles para todos.

O xoves 19, Grumico (Grupo de persoas con discapacidade física da Coruña) organizará a actividade “Ponte no meu lugar” e o venres 20 e sábado 21, a cidadanía vestirase de mallas para participar na Carreira da Mobilidade. A semana incluirá tamén unha xornada de portas abertas o venres na sala de pantallas e control de tráfico, a exposición ECO21 e un día sen coches, o domingo.

Con motivo da Semana Europea da Mobilidade, a Asociación Stop Accidentes realizará actividades escolares nas rúas Alcalde Marchesi e Primavera, e na entrada de varios colexios públicos, instalaranse xardineiras nas prazas de aparcadoiros. Por último, o colectivo daralles consellos ás persoas viandantes na praza de Lugo.