Terá lugar o vindeiro sábado 21 de setembro, ás 19:00 horas, no campo da festa de San Roquiño, e contará coas voces de Sito Sedes e a noiesa Patricia Fernández
“Entre coplas e boleros”. Este é o título escollido este ano pola Banda de Música de Lousame como eixo central da XIII Homenaxe a Prudencio Romo, que terá lugar o vindeiro sábado 21 de setembro, ás 19:00 horas, no campo da festa de San Roquiño (Tállara-Lousame). Un festival que foi presentado esta mañá en Lousame pola súa alcaldesa, Teresa Villaverde; quen estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; o director da Banda de Música de Lousame, Fernando Froján; e a presidenta da Asociación Prudencio Romo, Isabel Molares, entidades que colaboran na organización da homenaxe.
Villaverde Pais felicitou tanto á Banda de Música de Lousame como á Asociación Prudencio Romo por todo o traballo que están facendo pola música no municipio, en xeral, e por este concerto en particular que “xa é un clásico e agardo que poida acompañarvos nesta homenaxe a Prudencio, quen era tan xeneroso que fixo moitos arranxos e composicións que non as rexistrou como propias. E encantaríame poder recompilalas para honrar este traballo dende Lousame”.
Teresa Villaverde convidou a toda a veciñanza a participar nesta homenaxe no campo de San Roquiño, “lugar elixido porque a escola na que daba clases Prudencio estaba moi preto”. En caso improbable de choiva, a homenaxe trasladaríase ao auditorio da Casa da Cultura Santeiros de Chave.
Coplas, boleros e pasodobres
Pola súa banda, Fernando Froján explicou que estamos “ante un concerto distinto. Empezamos o ano pasado coas bandas sonoras e agora imos coas coplas, os boleros, algún pasodobre e temas dos Tamara compostos por Prudencio Romo”. Unha homenaxe que será presentada por Xurxo Souto e que contará coas voces de “Sito Sedes, un referente que cantou cos Tamara e Os Satélites, e Patricia Fernández, unha rapaza de Noia non tan coñecida pero que nos vai sorprender a todos coa súa voz”, puntualizou o director da banda de música.
Fernando Froján adiantou que durante a homenaxe soarán “coplas fermosísimas, ese xénero tan noso, tan español, como Capote de grana y oro, Torre de Arena… e boleros tan coñecidos como El Reloj, Perficia, Triste Papel… que aínda gravou este ano Sito Sedes cunha Big Band arranxados para banda de música por Roberto Somozas”.
Finalmente, a presidenta da Asociación Prudencio Romo convidou a todos os presentes a participar “nunha homenaxe como a el lle gustaría: con música, que é o mellor que sabía facer”. Un punto ao que se uniu Silvia Agrafojo, quen destacou o papel de Prudencio Romo como “gran mestre de ensinanza musical e director das bandas de música de Outes, Taragoña e Lousame”.