Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño chama á participación nas concentracións contra o paro de Endesa e a reivindicación dunha “transición enerxética xusta” para a comarca


O consistorio fletará buses para as dúas mobilizacións -saída ás 10.15h.-, que se suman aos que partirán das Pontes

 

Que se aclare o futuro da térmica das Pontes e que se garanta unha transición non traumática cara un horizonte sen carbón que asegure, desde xa, o mantemento de postos de traballo. Esas son, en liñas xerais, as demandas que hai enriba da mesa do Ministerio para a Transición Ecolóxica e tamén as esixencias principais de todo o norte das provincias da Coruña e Lugo, onde o parón da central pontesa está traducíndose nunha importante cascada de perdas económicas e nunha ameaza para centos de empregos. Alcaldes, sindicatos e transportistas reuníronse o martes en Madrid con representantes ministeriais para demandaren solucións do Goberno do Estado quen, finalmente, só se comprometeu a convocar antes de fin de mes unha comisión que estude unha saída ao problema. Namentras, todos os sectores implicados empezaron xa a mobilizar a sociedade como medida de presión. En As Pontes, Ferrol e Vilalba mantéñense peches permanentes dentro das casas consistoriais. Este venres ás 12.00h. hai convocada unha concentración diante da Xunta, en Santiago, e o próximo luns haberá outra á mesma hora diante da Delegación do Goberno, na Coruña. En ambos casos reserváronse servizos de autobús que sairán desde diante da Casa do Concello ás 10.15h.

O Concello de San Sadurniño participou en practicamente todos os encontros mantidos até o momento para analizar a situación e consensuar propostas que, en último caso, pretenden o reinicio inmediato da actividade nas Pontes e un programa a medio prazo que apoie a todos os sectores afectados por esa transición que semella inevitable cara a un futuro sen carbón.

Diso depende o emprego de alomenos 150 persoas que levan o combustible desde o porto até o parque de Sáa. Estímase que as empresas de transporte perden arredor de 2 millóns de euros cada mes por mor do parón de Endesa. Unha derrama que, como primeira repercusión, fai difícil pagar letras e manter postos de traballo. Pero hai máis sectores prexudicados, negocios que tamén o están notando malia non estar aínda cuantificado con cifras globais. Na hostalaría temos exemplos -en San Sadurniño sen ir máis lonxe- cuxa subsistencia depende case exclusivamente dos camións do carbón. Nótano tamén gasolineiras, talleres, e, directa ou indirectamente, o resto do tecido comercial da zona.

Atopámonos nunha encrucillada sen que se saiba ben o camiño que finalmente van marcar o Estado e máis Europa. Endesa leva cinco meses parada polo encarecemento dos dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, motivado segundo parece pola entrada de especuladores nun comercio que se xestiona a escala mundial.

Polo momento para a térmica non hai combustibles alternativos ao carbón, gravado en España, ademais, polo chamado “céntimo verde”. E o carbón está condenado en Europa por estritas normativas ambientais. Nas pontes comprometéronse 217 millóns de investimentos para que a central contaminase menos. Unha medida que lle aseguraría seguir funcionando outros 15 ou 20 anos máis. Agora, cando aínda non acabou a transformación, o escenario é outro e á súa propietaria -a italiana ENEL- compénsalle máis mantela baixo mínimos que tela producindo, o que lle suporía ter que mercar dereitos de emisión a prezo de ouro.

O resultado inmediato da situación -que ten aínda máis ramificacións, relacionadas coa complexidade do sector eléctrico en España- é o xa falado: camións parados ou buscando a vida nun mercado moi competitivo para o que moitos non están preparados, condutores e condutoras cos seus postos de traballo ameazados, un tecido económico que se está resentindo e, tamén hai que dicilo, 600 empregos directos no complexo pontés cun futuro incerto e outros 700 pertencentes a empresas auxiliares implicadas na reforma da central.

Con este panorama, representantes municipais, sindicais e do transporte acudiron o martes a Madrid para manter unha xuntanza co Ministerio para a Transición ecolóxica. Enriba da mesa puxeron a necesidade de retomar inmediatamente a produción nas Pontes e, de cara ao futuro, poñer en marcha medidas que aseguren “unha transición enerxética xusta” e non traumática para toda a zona.

Mobilizacións
A xuntanza en Madrid saldouse co compromiso ministerial de reunir antes de fin de mes unha comisión -na que tamén estaría presente Endesa- da que se agarda saian propostas para cumprir coas demandas da comarca.

Mentres tanto, este mesmo luns iniciáronse peches nos concellos de As Pontes, Ferrol e Vilalba e hai programadas para xa dúas concentracións. A primeira será este venres ás 12.00h. diante da Xunta de Galicia, en Santiago. Sairán autobuses da estación das Pontes ás 10 da mañá. A segunda concentración terá lugar o luns ás 12.00h. no edificio da Delegación do Goberno na Coruña, con saída de autocares desde a estación pontesa ás 10.30h. Para acudir a estas accións de protesta cómpre inscibrise no rexistro municipal das Pontes ou ben chamar ao 667 129 325. Desde San Sadurniño tamén sairá un bus cada día. Aparcará diante do Concello e tanto o venres coma o luns partirá ás 10.30h. Non se require inscrición previa.

Desde o Goberno local de San Sadurniño expresouse o apoio a ambas concentracións e, neste sentido, “animamos a que participe nelas toda a xente que poida ir a Santiago e á Coruña”, tal e como pediu Secundino García.