Os sendeiros da cultura e do deporte inclúen Pilates, zumba, ioga, ballet, baile, debuxo e pintura, cociña, informática, idiomas, costura, reciclaxe etc. Entre as novidades para este ano figuran actividades para bebés, linguaxe de signos, arte floral, tapicería, malabares ou escaparatismo
Dende hoxe e ata o vindeiro 25 de setembro o Concello de Ordes manterá aberto o prazo de inscrición para as actividades culturais e deportivas, tanto as que se levan a cabo trimestral como anualmente.
Nesta nova convocatoria Os sendeiros da cultura e do deporte, nome que recibe o dito programa municipal, inclúese: Pilates, zumba (adultos/as), ximnasia con materiais (fitball, picas, pesas de man etc), hipopresivos, ballet (de 4 a 12 anos), ioga, ioga terapéutico, iniciación ao alemán (nenos e nenas) e tamén niveis I e II (ambos válidos para as probas da Escola Oficial de Idiomas e Instituto Goethe), costura (niveis I e II), teatro (a partir dos 12 anos) e debuxo e pintura (adultos/as e menores).
Ademais, tamén está prevista a posta en marcha do curso A ecoloxía na vida diaria, no que se aprenderá a elaborar alimentos ecolóxicos, xabóns, cosméticos, produtos de limpeza etc.
Novidades
Como novidade este ano inclúese na oferta teatro en familia para bebés (de 1 a 3 anos), actividade na que se traballará a expresión corporal, motricidade, movemento, reforzo, confianza etc. Será imprescindible que o bebé vaia acompañado dunha persoa adulta. Tamén se ofrecen clases de linguaxe de signos, impartidas pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. Engádense este ano clases de arranxos e arte floral e obradoiros de tapicería e malabares, cestería tradicional (material non incluído), curso de escaparatismo e colocación de produto (especialmente pensado para comerciantes) e obradoiros de poda e enxertos en froiteiras e hortas.
Outras das actividades previstas son os cursos de informática. Neste caso os niveis ofertados inicialmente serán os de iniciación, nivel II (usuario) e informática para nenos e nenas nivel I (usuario). A maiores tamén se convoca un novo curso para aprender o manexo de smartphones e tabletas.
Os cursos de cociña para nenos e nenas inclúen varios grupos con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos, ademais doutros dous para persoas adultas ata 65 anos ou ben a partir desta idade. As clases de baile moderno dividiranse en dous grupos, un ata os 9 anos e outro de 10 a 16 anos. Continuarase tamén coas clases de costura (niveis I e II).
Ademais de na vila de Ordes, a actividade de ximnasia de mantemento para persoas maiores desenvolverase nos distintos locais sociais e espazos habilitados para tal fin nas seguintes parroquias: Ordes, O Mesón do Vento, Santa Cruz de Montaos, Poulo, Vilamaior, Guindibó, Buscás, Merelle, Beán e Pereira.
Os prezos das actividades oscilan entre os 72 € e os 9 € en total, habendo descontos por discapacidade, familia numerosa ou por ser maior de 65 anos.
Cómpre lembrar ás persoas que se inscriban que para darse de baixa terán que facelo por escrito e con rexistro de entrada.