Monday 25 de November de 2024

As áreas de Cultura e Igualdade de San Sadurniño propóñennos un arranque do outono moi literario


 

Apuntade xa mesmo esta data: sábado 21 de setembro. Ese día a partir das 17.00h. temos unha cita coa poesía amadora de vangarda no III Recital de Poesía en Feminino organizado pola Concellaría de Igualdade, ao que asistirán 27 creadoras e creadores de San Sadurniño pero, sobre todo, doutras partes de Galicia. Na súa maioría adscríbense a movementos consolidados, como In nave civitas Lugrís ou a Nova Poesía Guitirica, aínda que tamén acudirán representantes doutros de recente creación, como o colectivo Moraima xurdido en Fene. Será un encontro co que reivindicar tanto a literatura e a oralidade do sentimento como o rol feminino na arte das letras e en calquera outra faceta da vida que, ademais, contará coa ambientación musical das violonchelistas locais Inés e Irene Arroyo. Porén, arredor da creación literaria temos unha proposta máis para este arranque outonal: o obradoiro de escritura que se desenvolverá na Casa da Xuventude os sábados desde o 28 de setembro até o 23 de novembro, encadrado na “Escola de Escritoræs” da AELG. Hai 20 prazas dispoñibles para persoas maiores de 15 anos e as inscricións xa poden facerse no teléfono 652 814 144 ou no correo electrónico anagavinmerlan@gmail.com.

O departamento municipal de Igualdade leva tres anos organizando o seu encontro poético co que darlle voz a poetas que avogan polo verso reivindicativo, polo berro sentido contra os desequilibrios da sociedade e, nomeadamente, contra o patriarcado que o segue tinguindo todo, tamén a creación literaria.

Este ano a cita fixouse para o sábado 21 de setembro e a ela acudirán representantes de varios colectivos que teiman na poesía amadora como xeito de expresión, malia ser este o xénero literario con menor visibilidade ou, dito doutro xeito, cunha maior dificultade para chegar ao grande público.

Males menores que, porén, se ven compensados por unha liberdade case absoluta de estilos e formatos que non se pode atopar na prosa, no teatro nin en ningunha outra arte. A poesía sae de dentro de cadaquén sen imposturas. É o que se sente feito verbo, unha porta que se abre de par en par no peito de quen escribe para deixarnos entrar no seu ser, no seu pensamento, acadando unha significación aínda maior cando é a propia autora ou autor quen recita os seus poemas.

E, en San Sadurniño, teremos todo iso xunto nun encontro que terá lugar na Casa do Concello, concretamente no seu patio interior se vai bo tempo e, se non, na Casa da Cultura. A relación de participantes chega a 27, procedentes de Fene, Ferrol, A Coruña, Pontevedra, As Pontes, Pontevedra e toda a zona da Terra Chá. Na súa maioría trátase de poetas que comparten intereses temáticos e creativos en colectivos como a Nova Poesía Guitirica, Moraima -nacido en Fene a raíz dun curso de escritura da AELG- ou In nave civitas Lugrís.

Son Mariola Hermida, Loreto de Castro, Teresa Ramiro, Alberte Momán, Luís Mazás, Antom Laia, Miguel Queipo, Moncho Bouzas, Clara Blanco, Emilia Martínez Fuentes, Pilar Maseda, Branka Villar, María Xosé Lamas, Luz Airado, Raquel Díaz Seijas, José Carlos Ulloa, Sonia Mauriz, Ramiro Vidal Alvarinho, Ánxela Gracián, Maribel Serantes, Esther Val e Asun Blanco, quen compartirán declamacións coas poetas locais Alba Rivera, Ángela Arnosa, Consuelo Picos e Nerea Calvo, xunto co modestino Alfonso Venancio.

A sesión terá tamén parte musical, da que se encargarán as irmás Inés e Irene Arroyo Orro, veciñas de Igrexafeita e excepcionais violonchelistas que lle sacarán o máximo partido ás partituras e á acústica do patio interior do Concello. O III Recital de Poesía en Feminino presentarao Ana Belén Breixo, titular da área de Igualdade, e Antón Tenreiro, coñecido no mundo poético como Antón de Guizán.

Obradoiro de creación literaria ata finais de novembro
En relación coa creación literaria, a Axencia de Lectura de San Sadurniño e a Concellaría de Cultura tráennos unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en lingua Galega que nos dará as claves para empezar na narrativa.

Da dirección do obradoiro -titulado “A vida: unha narrativa”- encargarase o escritor ferrolán Henrique Dacosta, aínda que no primeiro encontro será Eva Loureiro Vilarelhe quen ofreza unha clase maxistral introdutoria ás técnicas que se traballarán na Casa da Xuventude os sábados 28 de setembro, 5, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16 e 23 de novembro, cun horario de 11 a 13.30h.

A proposta forma parte da Escola de Escritoræs da AELG, quen nos convida a participarmos nela comparando a narrativa cunha sorte de “navegación a través dun mar de letras”. A asociación anima a enrolarse na aventura de “construír mundos modelados ao noso antollo” partindo para iso da fantasía e a imaxinación. “Conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazónciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo… Porque, o que non tén dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato”, asegura a entidade no cartel anunciador.

“A vida: unha narrativa” conta co patrocinio da Xunta e da Deputación da Coruña. Só se ofertan 20 prazas para persoas maiores de 15 anos, que se asignarán por orde de solicitude. A inscrición, que é gratuíta, pode facerse até o 27 de setembro chamando ao 652 814 144 ou no correo electrónico anagavinmerlan@gmail.com.