A deputada de Benestar, Ana Lamas, informou ao presidente da asociación, César Bugallo, das liñas de subvencións da Deputación para entidades sociais
A Deputación da Coruña ofrece o seu apoio a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Soneira e Fisterra (AFAFES) para transformar a sede do actual centro terapéutico da entidade en Cee nun centro de día, que preste unha atención adecuada ás persoas dos concellos da comarca afectadas por esta doenza.
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao presidente da entidade, César Bugallo, que acudiu á cita acompañado pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e a concelleira de Servizos Sociais, Emilia Trillo.
Lamas informou ao presidente da AFAFES das diferentes liñas de subvencións da área de Benestar Social da Deputación para apoiar ás entidades sociais nos seus proxectos. Programas destinados a financiar actividades e servizos sociosanitarios, transporte e proxectos de mantemento e investimento en centros de atención, como é o caso de AFAFES, que pretende acometer as reformas necesarias para transformar a súa sede actual nun centro de día.
A deputada afirmou que “o déficit de centros asistenciais e a dispersión poboacional fan que exista unha demanda importante deste tipo de centros na comarca” e considerou que a solicitude pode encaixar na liña de apoio a mantemento e investimento en centros, na que as axudas provinciais poden chegar aos 120.000 euros.
Pola súa banda, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, agradeceu á deputada a súa sensibilidade neste tema e a rapidez en atender a petición de entrevista e a súa axuda “para dar unha solución a un problema importante non só para Cee, senón para toda a comarca”.