A rexedora Inés Rey realizou esta mañá a súa primeira visita institucional á entidade provincial e comprometeuse a mellorar as relacións entre as dúas institucións
A alcaldesa Inés Rey visitou esta mañá a sede da Deputación da Coruña no que foi o seu primeiro encontro institucional co presidente da entidade provincial, Valentín González Formoso. A reunión abre unha nova etapa de diálogo e establece o compromiso de que se reforzará a colaboración entre as dúas institucións para impulsar proxectos importantes na provincia.
Inés Rey agradeceu a González Formoso o seu recibimento e a súa boa disposición nesta primeira toma de contacto oficial que é, di, “o símbolo da senda de cooperación institucional, onde o Concello da Coruña non só ten que cooperar coa Deputación, senón tamén con todos os municipios da provincia”.
O Concello, apuntou a alcaldesa, ten que abrirse a unha nova colaboración institucional “tan necesaria para sacar adiante actuacións que, ao final, son as que transforman e melloran a vida da cidadanía”.
O presidente da Deputación valorou moi positivamente o encontro coa rexedora e sinalou que o inicio deste mandato vai “ser a semente de catro anos de colaboración en ambos os sentidos, entre o Concello coa provincia e a provincia co Concello, algo que non sempre foi así”. Ademais manifestou a súa satisfacción polo espírito conciliador co que os dous gobernos afrontan os próximos anos “é o combustible necesario para que as cousas funcionen”. Para Formoso, “o feito de ser
compañeiros de partido facilita moito o labor á hora de facer fronte ás situacións complicadas que xurdan durante a lexislatura”.
Tras a reunión, a alcaldesa, acompañada do presidente provincial, asinou no Libro de Ouro da institución.