Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente supervisará todos os parques de cara a aprobar plans zonais de melloras


 

A concelleira Esther Fontán visitou esta mañá o de Bens, no que arranxarán os camiños e os elementos de información e desfrute para as cativas e cativos

A Concellería de Medio Ambiente comezou hoxe o programa de visitas aos distintos espazos verdes da cidade para coñecer o estado de todos eles e darlles solucións ás carencias de maior urxencia. A concelleira Esther Fontán explica que a supervisión irá seguida de plans zonais de mellora e recuperación para cada unha das contornas de cara a optimizar o uso que se fai delas. A edila percorreu esta mañá con persoal técnico o parque de Bens e o tramo que vai desde o porto do Portiño a Riazor. Na primeira parada, observaron a falta de sinalética, polo que se ten pensado desde a concellería instalar espazos con información detallada sobre os distintos recunchos que se están a pisar, así como varias casetas, que non só dispensarán unha explicación sobre a biodiversidade que poden atopar as persoas usuarias, senón que tamén servirán de acubillo en caso de malas condicións meteorolóxicas.

En Bens cambiarán algunhas especies arbóreas, instalarán máis bancos e, xunto coa Concellería de Infraestruturas, traballarán en conxunto para colocar algúns elementos máis de ocio infantil, así como mesas na zona dedicada ás cativas e aos cativos para que as familias poidan merendar e explotar máis a súa visita ao parque.

Unha última cuestión atenderá o barco que se sitúa neste perímetro e que está

“bastante deteriorado. Buscaremos orzamentos para reformalo”. Ademais,

garantiranlles a accesibilidade dos camiños ás persoas con algún tipo de discapacidade física.
Por outra parte, no Portiño acondicionarán o aparcadoiro, de xeito que se diferencien ben as prazas reservadas para os coches e para as caravanas, e estas serán dotadas dos servizos necesarios. A intención é que estea listo para a vindeira campaña de primavera-verán, dentro dun proxecto no que se mellorará a fiestra de pedra ao mar, que “está moi deteriorada, non lle queda nada do verde inicial e non dispón de bancos. É un dos emblemas da cidade que hai que recuperar”.

Así mesmo, Fontán sinalou que arranxarán o monumento aos caídos do Portiño e as rotondas nunha aposta por naturalizar o máximo posible estes elementos: “Non queremos instalar elementos decorativos, senón verde”, ao igual que na zona que está fronte ao Muncyt, que non está en bo estado, segundo a responsable. Nesta mesma semana, examinarán o parque de Santa Margarida para continuaren polo parque de San Diego e a contorna da Torre.