Friday 22 de November de 2024

A BTT de San Martiño en oleiros abrirá este domingo o circuíto de carreiras Sportbike


 

O Circuíto de Carreiras Sportbike que organiza a Asociación Arousa Neo vai abrir este domingo día 15 de setembro coa BTT de San Martiño: unha proba para cuxa posta en marcha cóntase coa colaboración do Concello que foi presentada esta mañá por Eduardo Iglesias en representación da citada entidade e a concelleira de Deportes Juana Brión no entorno do campo de fútbol da Trinidade en Oleiros, lugar de saída e meta da competición.

Precisamente, os comparecentes escolleron este emprazamento para a súa presentación porque querían enfatizar a importancia de preservar o noso medio natural. Logo dunha fin de semana marcada polos lumes que arderon nesta parroquia, na próxima o que haberá son ciclistas que lles gusta practicar a súa afección en contacto coa natureza.

40 kilómetros
Cunha distancia de 40 quilómetros, a proba sairá ás 9.30 horas da Trinidade para completar un percorrido que transita nun 90% por pistas de terra e rueiros de aldea ata afrontar unha escalada á serra do Barbanza pola súa cara norte e adentrarse no val de río Sieira para voltar a subir a un dos cumios máis emblemáticos da serra como é A Curotiña. O circuíto ten un desnivel positivo de 1.200 metros.

O prezo da inscrición son 10 euros e pódese facer en www.arousa.com ou www.galitiming.com. Hai de prazo ata mañá á medianoite e nestes momentos o número de anotados supera os setenta.

Completan o Circuíto de Carreiras Sportbike a BTT de Posmarcos (na Pobra, o 6 de outubro) e a contrarreloxo de Portosín (no concello de Porto do Son o 20 de outubro).