Acabamos de pechar unha intensa fin de semana de gravacións dentro da sexta edición do encontro audiovisual Chanfaina Lab. A meirande parte dos equipos participantes teñen xa todo -ou case todo- o material preciso para montaren as súas pezas, que poderemos ver aló polo mes de febreiro. Aí xa se desvela o significado da primeira parte do titular; e a outra metade, a da volta ao pasado, vén dalgúns dos temas elixidos para as curtametraxes. O Chanfaina dá liberdade absoluta para gravar, montar e contar, e nesta volta haberá varios exemplos de miradas ao pasado desde a óptica documental, da ficción ou da experimentación. Os detalles saltarán á pantalla grande dentro de cinco meses nunha estrea tan agardada polo público como polas propias realizadoras e realizadores. A partir de aí irán subíndose a youtube semana a semana e, ademais, moitas das pezas iniciarán un exitoso percorrido por festivais de todo o mundo.
Vaiamos ao empezo, á tarde do venres. Os e as participantes da presente edición empezaron a chegar aos poucos cara ás cinco da tarde para recolleren na Casa da Cultura un pequeno “pack chanfaineiro” composto por unha guía turística, un mapa do territorio e unha rechamante camiseta amarela, ademais dun folletiño cos contactos de todas as persoas implicadas na organización e coa programación horaria da fin de semana.
Para quen son habituais do Chanfaina -Abel Vega, Bieito Beceiro, The Sungirls, Pablo Martínez & cía., as youtubeiras da horta, Fran da Lobeira, Ana Lamas etc.- a entrega de documentación é un mero trámite, xa que coñecen de sobra a mecánica do evento e o territorio, saben como moverse por el e máis ou menos teñen claras as historias que queren contar, algo que farán devagar de agora en diante. Quizais por iso a maior parte de aborixes centrouse en axudarlles a quen chegaban de fóra. E é que parir unha curtametraxe nun territorio que descoñeces e en tan só dous días de gravación é tarefa imposible, a menos que haxa quen te guíe, te leve aos escenarios axeitados e che bote un cabo producindo ou incluso interpretando a túa historia.
O Chanfaina é por iso un auténtico desafío que se amortece con camaradería desde o primeiro momento. E non só entre os da casa e os “venideros”, senón tamén entre os da casa cos da casa e entre os venideros con outros venideros. Empréstase material que coas présas non se botou na maleta, intercámbianse coñecementos -especialmente da xente máis experimentada cara á que está empezando- e compártese traballo e, máis que nada, paixón polo que se está facendo.
Velaí vai un exempo: Luis Avilés. Director de longa traxectoria no noso audiovisual, este noiés chegou o venres con idea de facer unha peza que reflectise a creativa mocidade de San Sadurniño. Á noite descubriu a historia dun senegalés afincado no noso concello e aproou cara outro rumbo e, mentres gravaba e compuña mentalmente o seu relato, aínda tiña tempo de filmar unha parte da curta de María Yáñez e de meterse a fondo na fotografía da ficción que nos proporá Ana Moreiras, ambientada na coñecida “Casa Torina”.
Collemos agora o fío do “pasado” aproveitando a mención á antiga tenda-taberna-mesón situada no Outeiro. Despois de anos pechada volveu abrir as súas portas para o cine. Foi coma se alí o tempo non tivese pasado. Alí seguían as botellas colocadas nos andeis -algo decoloradas por dentro e por fóra-, os detalles decorativos máis kisch e a esencia daquelas tendas dos 70 e 80 que hoxe son auténticas covas de Alibabá para calquera amante do retro… e tamén para quen buscaba, coma neste caso, un escenario realista ao que só lle cumpría algo de iluminación e un repaso rápido coa vasoira.
En febreiro volveremos ao pasado revisitando Casa Torina, anque só sexa como ambiente doutra historia distinta da súa, protagonizada maxistralmente por Martín Sanjurjo metido a taberneiro músico que atende entre canción e canción as tomas e a plática de Joselito, intérprete por segunda vez dunha curta do Chanfaina.
Pero flashbacks deses aínda teremos máis. Brais Varela, Ton Fraga, Geray Arnosa, Óscar Torrente, Brianda García, Verónica Castrillón e Ricardo Noval -agrupados en Naraiomedia Estudos- estréanse no encontro audiovisual desfacendo o nó en que quedou “O roubo da droja”, curta filmada hai 25 anos en vhs por un grupo de rapaces de Naraío. Nuns meses asistiremos ao desenlace ou, polo menos, a unha segunda parte que promete ser moito máis intensa e espectacular que aquel rudimentario experimento gravado e montado nunha soa tarde.
Tamén mira ao pasado Anxo Santomil. Experto en fotografía, audiovisual e tratamento dixital da imaxe, este compostelán afincado no Carballiño exhibirá, con toda seguridade, unha peza abraiante polo formato e polo contido. Só imos adiantar que Santomil veu a San Sadurniño co firme obxectivo de meternos literalmente no Pazo da Marquesa de principios do século XX. Todo por obra e maxia da moderna tecnoloxía de posprodución en vídeo, pero tamén dunha idea narrativa moi traballada que nos enganche desde o minuto 1.
O Pazo -os seus xardíns, mellor dito- foi escenario do festival da canción infantil Cantareliña. María Yáñez -referente en Galicia para todo o que se move na comunicación dixital e transmedia- participou nunha daquelas citas que se desenvolveron entre 1983 e 1990. Cantareliña non só foi un movemento de creación musical, senón tamén unha aposta sen precedentes pola normalización lingüística entre a rapazada cando aínda non nacera o Xabarín Club. O evento impulsado polo crego Ramón Díaz Raña e Saraibas deixou pegada en moita xente de renome no movemento cultural galego da actualidade. Tamén en María Yáñez, quen mirará na súa peza a aquel tempo e ao legado -ou pouso- que deixou o festival, ás portas de que se fagan os 30 anos da súa última edición.
A evocación doutras épocas a través dos espazos ou da rememoración de acontecementos é material de partida para moitas creacións do Chanfaina Lab. Dese fío tirarán tamén outras creadoras e creadores. Antón Rodríguez mira á música tradicional e á historia de Naraío acudindo á figura do recentemente desaparecido Santiago Caneiro e á parte que lle corresponde no nacemento do Festival do Río Castro. A valdoviñesa Noelia Uceira -con raíces en Lamas- apostou por plasmar o paso do tempo no territorio percorrendo elementos e paisaxes humanas que semellan inmutables. A novísima Noemi Caneiro buscou durante a fin de semana o seu propio libro de familia en Ferreira, parroquia á que tamén acudiu Sara Alonso -alumna coma Caneiro do profesor Manolo González- para capturar co seu móbil estancias poboadas de arañeiras, quizáis a metáfora máis acaída do imparable discorrer das horas e dos días.
Outras miradas
Porén, o VI Chanfaina Lab non van ser só recordos, senón que tamén haberá a habitual dose de humor -Javier Seoane e Fran Bermúdez seguro que se encargarán diso, ou non, quen sabe-, de experimentación visual -Ana Martínez, Aldara Pagán, Lucía C. Pan e Manolo Abad foron por ese camiño en cadanseu proxecto- e incluso de mesturas de todo o anterior, como a meticulosa peza filmada durante dous días polo rianxeiro Fran X. Rodríguez arredor dun picadoiro da leña, un machado e un peculiar condenado (e ata aquí podemos contar).
Todo canto sexa contable con imaxes en non máis de cinco ou dez minutos -sempre con San Sadurniño como pano de fondo- ten cabida no Chanfaina Lab. Insistimos, en febreiro veremos estas e outras pezas que xa están postas a andar por André Couce, Abel Vega, Ana Lamas, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Iago Lourido, Catalina Rodríguez, polo tándem Arnosa-Lorenzo, o triunvirato The Sungirls, as avoas youtubeiras -Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Crucita de Piñón e Maruja da Curuxa (aka Consuelo Picos)- e por Irene Beceiro ou Roberto Bouza, nomes que completan a relación de 41 chanfaineiros e chanfaineiras participantes nesta edición.