O concello pretende facilitar aos pais os trámites para a escolarización dos menores
O alcalde de Cambre, Manuel Rivas Caridad, anunciou que durante o mes de febreiro do próximo ano 2015 volverá remitir aos domicilios onde residen todos os nenos veciños de Cambre que ao longo do próximo ano cumpran os 3 anos -idade mínima de escolarización voluntaria nos centros educativos sostidos con fondos públicos- dous certificados de empadroamento e dous volantes de empadroamento, coa finalidade de que os seus pais ou titores legais poidan realizar de forma máis cómoda todos os trámites relativos á escolarización dos seus fillos. O prazo de solicitude de admisión nun centro educativo está aberta cada ano aproximadamente durante o mes de marzo, polo que o concello os remitirá aos domicilios con tempo abondo para que se reciban nos domicilios antes de que comece ese prazo. No pasado as persoas que desexaban obter un certificado de empadroamento debían acudir dúas veces ás dependencias municipais, unha para solicitalo e outra para recollelo, ademais de aboar as taxas de dous euros pola expedición de cada certificado, a pesar de que no próximo pleno se propón a supresión desta taxa. Este trámite é obrigatorio para a escolarización dos nenos, xa que o certificado de empadroamento é un dos documentos que obrigatoriamente deben presentar os trámites para solicitar a admisión dos seus fillos nun centro educativo. Dende o pasado ano o concello remite os certificados ao domicilio onde estean empadroados os nenos, de forma gratuíta, de maneira que os pais non deberán desprazarse aos rexistros municipais nin aboar as taxas. Así, e segundo indican dende o concello, tamén se evitarán as tradicionais colas que se producían nos rexistros municipais durante os meses de febreiro e marzo polo que mellorará tamén a atención aos veciños nas dependencias municipais. Calcúlase que aproximadamente serán 200 nenos os que se matriculen nos centros públicos en 2015.