Friday 22 de November de 2024

Vinte artistas da Asociación Alterarte expoñen ata o final de outubro no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira


Ata o 31 de outubro, o Centro Cultural Lustres Rivas vai dar cabida a unha nova exposición que, baixo o título de “Sensacións”, está formada por 36 obras pertencentes a vinte artistas do colectivo Alterarte, unha agrupación con sede en Vigo que ten como obxectivo a promoción das distintas manifestacións culturais e a posta en valor do patrimonio abrindo o mundo da arte ao público en xeral.

Onte pola noite tivo lugar o acto inaugural, con participación da tenente de alcalde e concelleira de Cultura, María Sampedro, quen dou a benvida aos artistas, e do vicepresidente do colectivo creativo, Constantino González, que convidou ao tecido artístico da comarca barbanzá a inscribirse na súa agrupación.

Entre os artistas exhibidos, figuran pintores como José Manuel Cerdeira, Xavier Estévez, David Cabaleiro, Caramés, Mercedes González, Luis Viñas, Ana Padín, Tanio Ulloa, Carmen Balbuena, Azpeitia, Xosé Fervenza, Víctor González ou Justo Iluicamina, este último tamén con algunha obra escultórica. E exposición reúne distintas técnicas e formatos, dende acrílicos, óleos, gravados ou acuarelas ata mixtas sobre táboa, lenzo ou papel.

Estará aberta no seguinte horario: de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.