Máis de medio cento de persoas participaron na tarde de onte venres na recepción oficial do Concello de Noia ao boxeador Gregorio Quilón García, máis coñecido como “Goyo Rubio”, do Club de Loita Noia. Un acto presidido polo alcalde de Noia, Santiago Freire, e a concelleira de Deportes, Laura Salgado, á fronte dunha comitiva oficial á que se sumaron os voceiros dos grupos municipais do PSOE, Sergio Campos; do NOIA, Xosé Pérez; e do BNG, Ricardo Suárez; así como o concelleiro de Obras, Martín Fernández.
Laura Salgado foi a encargada de dar lectura ao currículo de Goyo Rubio, de quen destacou “a súa firmeza e tenacidade, valores que o engrandecen”. Así mesmo, deulle as grazas “por compartir os teus éxitos e facernos partícipes a todos os veciños e veciñas, ademais de dar a coñecer o nome de Noia aló por onde vas”.
Pola súa banda, Goyo Rubio agradeceu o recibimento ofrecido polo Concello de Noia e agradeceu á súa familia, compañeiros e, especialmente, adestradores (Moisés Hermo e Tono da Silva) por toda a axuda recibida. “Pasei moitos meses nos que me embarcaba ás 2 da mañá para traballar e chegaba ás cinco da tarde, pero Moisés me abría as portas para que puidera adestrar. É un esforzo de equipo, compañeiros que deixaban de facer as súas cousas para axudarme a adestrar”, lembrou un emocionado Goyo Rubio.
Goyo emocionouse ao agradecer aos seus adestradores, Moisés e Toño, e aos seus compañeiros e familia a súa axuda para conseguir os seus logros deportivos. De cara ao futuro, asegurou que o desafío é “volver cos Campionatos Galegos e finalizar ben a Liga MarathonBet. Queremos dar o máximo porque sempre tes que dalo todo para poder así facer historia na nosa vila”.
Tras a proxección dun vídeo sobre a súa carreira deportiva, tomou a palabra o alcalde de Noia para “desexarche os maiores éxitos. É un orgullo para os veciños e veciñas de Noia ter a oportunidade de desfrutar dos éxitos de Goyo e da difusión que fan os nosos deportistas da nosa localidade nos torneos nos que participan”. Así mesmo, salientou a humildade do boxeador noiés, “como demostra o seu agradecemento aos seus adestradores Moisés e Tono e a todas as persoas que o axudaron”.
Currículo
Goyo Rubio (25 anos, Noia) leva na actualidade 25 combates oficiais en Boxeo olímpico, categoría elite e é Campión Galego de Boxeo Elite 2019 no peso medio (-75 kg), o que o converte no primeiro deportista masculino de Noia que gaña un campionato galego de boxeo elite. Clasificado entre os 8 mellores no campionato de España, é titular coa selección galega de boxeo no peso medio.
Integrante da franquicia española “Los Guerreros del Bronx” onde participou en dúas xornadas da Liga MarathonBet acadando un pleno de victorias, é tamén campión da Copa Galicia de Boxeo 2019. Agora, o deportista noiés ten previsto ampliar as súas metas deportivas, buscando gañar a fase final da Liga MarathonBet, participando en varios torneos a nivel nacional e internacional e levando o nome de Noia a aqueles lugares onde compita.