Saturday 23 de November de 2024

Once concellos súmanse nunha primeira fase á Central de Contratación posta en marcha pola Deputación da Coruña


Diego Calvo explicou que a central de compras busca abaratar custos na compra de bens e servizos, axilizar trámites administrativos e garantir a transparencia nas contratacións

A Deputación da Coruña acolleu esta mañá a firma dos convenios de adhesión dos primeiros once concellos que se suman á Central da Contratación posta en marcha recentemente pola institución provincial.

O acto estivo presidido polo titular provincial, Diego Calvo, que asinou os acordos xunto aos rexedores de Coirós, Bergondo, Cerceda, A Baña, Cabanas, Outes, Mugardos, Boqueixón e Betanzos. Os representantes de Corcubión e Cariño, que tamén están adheridos á nova central, desculparon a súa presenza.

Durante a firma, o presidente da Deputación lembrou que o obxectivo desta Central de Contratación pasa por abaratar os custos na compra de bens e servizos, axilizar trámites administrativos e garantir a transparencia nas contratacións.

Así, asegurou que “estamos a dar un paso máis no noso traballo de colaborar cos concellos e de demostrar que a colaboración entre administracións é o mellor xeito de obter bos resultados que beneficiarán aos veciños”.

Ante os alcaldes presentes, Diego Calvo lembrou que xa están en marcha tres contratos ao amparo desta Central, e avanzou que a intención da Deputación é poder asumir en breve grandes contratos ou subministracións de bens e servizos como pode ser a enerxía eléctrica ou a telefonía.

A Central de Contratación
A adhesión á Central da Contratación é voluntaria e completamente gratuíta para as entidades locais, á vez que suporá unha redución “significativa” nas compras tanto para os concellos como para a Deputación.
“Esta Central é algo máis que unha central de compras ao uso, xa que estamos a falar dunha ferramenta e un instrumento básico para a administración, sobre todo polo aforro que suporá grazas ás economías de escala e porque ofrece total seguridade xurídica para os concellos”, afondou o presidente.

Carácter pioneiro
Esta é a primeira vez que se pon en marcha unha central de contratación deste tipo na Deputación da Coruña e o seu funcionamento pasa pola redacción dun prego marco, xa sexa de obras menores ou de subministracións (equipamento de praias, parques, vehículos…), ou de servizos (enerxía eléctrica, telefonía ou proxectos de aforro enerxético). A partir de aí, os concellos voluntariamente súmanse ao prego que lles interese nun momento determinado.

Deste xeito, lógrase unha importante redución nos trámites administrativos (o prego de cláusulas técnicas e administrativas é único para todos os concellos) á vez que un aforro económico que virá dado polas previsibles ofertas axustadas das empresas subministradoras, toda vez que a súa proposta chegará a todas as entidades locais da provincia.