Friday 22 de November de 2024

Medio Ambiente adxudica as obras para a instalación dunha nova zona de ocio infantil do cantón de San Roque en Melide


Tras a sinatura do contrato, a empresa adxudicataria inicia os traballos de sinalización da zona na que se levará a cabo a actuación

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de adxudicar por máis de 50.000 euros as obras de mellora e acondicionamento da zona de ocio infantil do Cantón de San Roque no Concello de Melide.

Grazas a esta actuación, o Concello de Melide contarán cun novo e completo parque infantil no Cantón de San Roque, que completará os traballos de humanización urbanística que se executaron a principios de ano, en base a un convenio de colaboración entre a Xunta e a entidade local.

Tras a sinatura do contrato, a empresa adxudicataria xa pode iniciar os traballos de sinalización da zona na que se levará a cabo a actuación, e que consistirán na instalación dun carrusel xiratorio, dúas torres modulares con tobogán, rocódromo, barras de escalada e de bombeiros, e un gran xogo central composto por unha rede bidimensional con estrutura metálica e tobogán incorporado.

Así mesmo, tamén está prevista a instalación de caucho no solo do parque para amortecer as posibles caídas dos nenos cunha superficie adaptada a estes espazos, así como a colocación de paneis informativos nos dous puntos de acceso.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que coa execución desta obra dáse cumprimento a tres obxectivos: fomentar a humanización das vilas de Galicia, favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos e promover o reequilibrio territorial na Comunidade.