O alcalde de Ordes critica enerxicamente a decisión da Deputación da Coruña de non permitir que a Xunta de Goberno Local tramite as subvencións correspondentes para estas obras. Martínez Sanjurjo acusa ao ente provincial de facer caso omiso ao artigo 22 da Lei de Réximen Local
O Pleno do Concello de Ordes ratificou hoxe o acordo aprobado o pasado xullo pola Xunta de Goberno Local de levar a cabo a segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal. (Plan Único). Dito plan, sufragado integramente pola Deputación da Coruña, inclúe no caso de Ordes, intervencións nos camiños do Barroso a Fosado (Montaos), do Castro (Vilamaior) e do Casal (Ordes). Tamén na estrada de Fosado a Parada (Montaos), ademais do acceso á Pedreira dende o cruce da igrexa (Vilamaior) e a pavimentación do acceso no Valiño (Parada).
Agás o Bloque Nacionalista Galego que optou pola abstención por non ter opción a presentar novas propostas, os demais grupos votaron a favor.
Sesión extraordinaria
José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes, amosou abertamente o seu malestar coa Deputación da Coruña por rexeitar que sexa a Xunta de Goberno Local a que tramite a correspondente subvención para estas obras. Unha delegación que lle foi outorgada polo pleno o pasado mes de xuño. Un aspecto que segundo manifestou Pablo Vidal, voceiro do BNG, xa indicara na pertinente comisión porque Ordes ten menos de 50.000 habitantes.
Tanto o rexedor ordense como o secretario municipal defenderon enerxicamente a legalidade no xeito de proceder por parte do Concello, “xa que este acordo é unha competencia da Xunta de Goberno Local por delegación do Pleno, debendo someterse a ditame da Comisión Informativa Permanente de Obras e Urbanismo (art. 123.1 do R.D. 2568/1986, de 26 de novembro, ROF). “A delegación de competencias á Xunta de Goberno Local está dentro da lei” explicou o alcalde e ratificou o secretario municipal citando o artigo 22 da Lei de Réximen Local que regula as normas de competencia. Incluso se indicou que tras consulta telefónica co secretario xeral da Deputación Provincial este entendía que se trata “dunha competencia delegable polo que descoñece cales son os motivos polo que o Servizo de Plans entende o contrario”.
Martínez Sanjurjo enfatizou que “as bases reguladoras do POS+2019 non establecen ningún punto que prohíban a delegación de competencias. Xa hai tempo que nos puxemos en contacto coa Deputación e consideramos que é un grave erro non permitirlle á Xunta de Goberno local que ratifique estas obras. “Estamos seguros que temos a razón, pero aínda así priorizamos non poñer en risco a aprobación desta subvención tan importante para a xente de Ordes, cuxo prazo límite de solicitude remata o vindeiro día 13. Polo tanto nos vemos obrigados a convocar hoxe este Pleno extraordinario”.